Catálogo de 'Galicia, un relato no mundo': encontros nos catro puntos cardinais

"Galicia sempre tivo ás. Sempre foi propensa a cruzar fronteiras, a percorrer o mundo coma un Ícaro afectado polas culturas que se asentaron na Península Ibérica. Aínda enraizada nas aldeas ou na beira do mar, Galicia alzaba o voo". As palabras da escritora Nélida Piñón no Catálogo da exposición Galicia, un relato no mundo resumen o espírito dunha mostra, e dunha obra, que nos falan de camiños e encrucilladas, de encontros e desencontros, de aventuras e dunha historia forxada durante milenios.

Co símbolo do pobo galego que chegou ao corazón do imperio romano, a caetra ou pequeno escudo circular que porta o icónico Guerreiro do castro de Lesenho, arranca esta obra: unha apaixonante secuencia de encontros arredor dos catro puntos cardinais. Norte, sur, leste e oeste son precisamente os títulos dos catro bloques que artellan os diferentes textos especializados a través dos que o lector pode percorrer tematicamente as máis de 300 pezas recollidas na exposición ao longo das súas 278 páxinas. 

O prólogo de Nélida Piñón, filla e neta de emigrantes galegos no Brasil, premio Princesa de Asturias das Letras e primeira muller que logrou ser presidenta da Academia Brasileira das Letras, abre este percorrido pola identidade do país, baixo o título A outra marxe da utopía.

Ao texto da autora de libros como A república dos sonhos súmase tamén a colaboración do multipremiado escritor e académico británico Robert MacFarlane, que co seu gusto polo detalle e traballada prosa se está a converter en todo un renovador da literatura arredor de temas como paisaxe, viaxes, natureza e memoria. Orixinal e sorprendente, a súa escritura borra a miúdo as fronteiras de xénero e forma, traballando man a man con artistas, cineastas ou músicos. MacFarlane percorre parte do Camiño de Santiago no seu libro The Old Ways, mentres que no seu prólogo do Catálogo da exposición fai o propio polas rutas marítimas, polas que desde o Mesolítico en diante circularon persoas e as súas ideas, crenzas, linguas, valores e tecnoloxías. 

Galicia, un relato no mundo recupera a vella arela galeguista que reivindicaba con orgullo o país como "célula de universalidade" e o seu catálogo está chamado a converterse nunha desas obras de cabeceira ás que volver trala visita á mostra. Coordinado polo departamento de Exposicións do Museo Centro Gaiás, conta con textos de intelectuais e académicos do prestixio de Pilar Cagiao Vila, Ramón Villares, Fernando Pereira, Ana Bulnes, Emilio Grandío, Xulio Ríos, Irene García, José Miguel Andrade, Beatriz Comendador, Henrique Monteagudo, Alfredo Vigo, Rafael Rodríguez, Manuela Sáez, Juan Manuel Monterroso, José Manuel Costa, Manuel Vicente, María del Carmen Saavedra ou Santiago Riveiro.

Con fotografías de Ovidio Aldegunde, o deseño e maquetación do mesmo correu a cargo do estudio compostelán Ekinocio Comunicación, –encargado tamén do deseño do grafismo e infografías de gran formato que acompañan o visitante no seu percorrido pola sala de exposicións– nunha coidada edición bilingüe galego/castelán –con separata en inglés–. Se non queres perder a oportunidade de facerte coa obra de cabeceira desta primeira exposición internacional do Xacobeo 2021, podes atopalo á venda no propio Museo Centro Gaiás e a un prezo de 30 euros. 

Santiago de Compostela, 09 de Decembro de 2019