Celebra o Día do Medio Ambiente no Gaiás

O vindeiro 5 de xuño celébrase en todo o mundo o Día do Medio Ambiente e a Cidade da Cultura convídate a facelo no Museo Centro Gaiás. Será o sábado 7 de xuño cunha programación especial, patrocinada por Gas Natural Fenosa, e que inclúe unha xornada de portas abertas coa que reflexionar sobre a importancia da auga e as ameazas que afectan á contorna natural que nos rodea.

Os visitantes que se acheguen o 7 de xuño ao Gaiás poderán visitar de balde a exposición ‘Auga Doce’, coa que descubrirán a beleza universal dun elemento definidor da alma galega a través da ollada de grandes artistas como John Constable, David Hockney, Gerhard Richter, Louise Bourgeois, Mario Merz, Martín Chirino ou Chema Madoz. A mostra, dun gran contido ambiental, axudará ao visitante a reflexionar sobre a importancia da auga no mundo, os problemas derivados da súa escaseza ou os aproveitamentos que se fan dela, todo desde unha visión estética e artística.

Plantando botellas

Ao mesmo tempo, os que asistan ao Museo Centro Gaiás entre as 11 e as 20 horas poderán participar nun divertido obradoiro ‘verde’, co que crear un recordo ecolóxico deste día. A través da actividade ‘Plantando botellas’, todos os visitantes poderán transformar un refugallo tan nocivo para o medio natural como é unha botella de plástico nun fermoso recipiente no que ver medrar unha planta. 

Pompas de xabón

O Día do Medio Ambiente no Gaiás rematará ás 20:30 horas con Rebufaplanetes, un espectáculo de Pep Bou co que descubrir a beleza que se esconde nas pompas de xabón. Rebufaplanetes convida a reflexionar sobre a nosa contorna desde o feitizo das grandes burbullas que nos hipnotizan e nos deixan sen alento. Pompas efémeras, cheas de cor, fráxiles e indomables coma o universo que nos rodea. 

As entradas para Rebufaplanetes xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com a un prezo de 8 euros para a Zona A e de 5 euros para a Zona B do Museo Centro Gaiás. O espectáculo conta tamén cun pack aforro (3 entradas por 20 euros na Zona A e 12 euros na B) que están dispoñibles unicamente na venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500.

Santiago de Compostela, 26 de Maio de 2014