Quizais un dos antepasados máis antigos da Constitución sexa este pergamiño que se exhibe en Galicia, un relato no mundo. Cedido pola catedral de Ourense, este manuscrito de oitocentos anos é considerado un tesouro bibliográfico. O seu valor único fixo que a UNESCO o incluíse na Memoria do Mundo, arquivo internacional de documentos imprescindibles para entender a evolución da humanidade. De feito, este texto e o Códice Calixtino son os dous únicos documentos galegos que forman parte desta selecta escolla. Mais cal é razón da súa excepcional importancia? De que fito histórico tan relevante nos fala? Esta é a historia dos Decreta Regia, o testemuño documental máis antigo da orixe dos Parlamentos en Europa:
No ano 1188, Alfonso IX, rei de León e Galicia, soterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago, tomou unha decisión revolucionaria na Idade Media: convocar, xunto á nobreza e á Igrexa, a cidadáns elixidos nas súas vilas e pobos para manter a paz nos territorios da Coroa. O mandato do monarca quedou rexistrado para a historia nun texto enviado desde a Corte ao Bispo de Ourense. O que este manuscrito recolle é, polo tanto, o xermolo do principio político que continúa a ser a base de calquera sistema parlamentario actual: darlle voz ao pobo.
Pasarán séculos ata que xurdan os parlamentos coma hoxe os coñecemos, mais a decisión de permitir á comunidade participar na administración dos asuntos do reino reflicte un modelo de goberno orixinal no marco das institucións medievais en Europa.
Agradecemos á Catedral de Ourense que preservase un documento esencial para comprender as orixes dos parlamentos e a súa xenerosidade permitindo a divulgación dunha obra que ilustra con elocuencia o impacto de Galicia na historia do mundo.
