A noite que Cela pasou no cárcere

Ao longo da súa vida, Camilo José Cela pasou por numerosas situacións pouco comúns. Nunha partida de cartas gañoulle un ollo de vidro a un tratante de burros portugués, na película Manicomio de Fernando Fernán-Gómez saía comendo herba dun floreiro, copiou a man o manuscrito de La Familia de Pascual Duarte… e chegou a pasar unha noite no cárcere.

Foi durante a súa coñecida viaxe á Alcarria, concretamente a súa entrada á localidade de Budia, en Guadalaxara. Situémonos no ano 46, en plena posguerra, nunha vila castelá mal comunicada, á noitiña. De súpeto, polas corredoiras que levan ao pobo aparece andando un home descoñecido, dunha altura e complexión considerables –desde logo, superior á media da época- asegurando que é escritor. A situación non se convertiu na máis propicia para Cela, a quen o alcalde de Budia considerou sospeitoso, mandándoo pasar a noite no cuartel.

Por moito que Cela tentou explicarlle quen era, non se librou ata o día seguinte, cando lle deixaron comunicarse co director do xornal El Imparcial. Só despois de que este confirmase que Cela era quen dicía, que traballaba para a súa publicación e que non ía con malas intencións, o Nobel puido saír do cárcere e continuar coa súa viaxe.

Estas e outras historias podedes descubrilas na mostra Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, exposta no Museo Centro Gaiás ata o 19 de febreiro de 2017. Especialmente, nas visitas guiadas gratuítas, que teñen lugar de martes a domingo ás 18:30 e os sábados, domingos e festivos tamén ás 12:30. 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 29 de Decembro de 2016