Goza do ‘Atardecer no Gaiás’ a ritmo de música e poesía

Música clásica, tradicional, pop, rock, jazz, flamenco, electrónica, funk, poesía e as propostas máis vangardistas no eido da videocreación nunha atmosfera cativadora no momento máxico do luscofusco. Este é o plan que a Cidade da Cultura vos propón para todos os xoves, venres e sábados de verán a través de Atardecer no Gaiás, un ciclo co que gozar ao caer a tarde na praza da Cidade da Cultura.

Cun amplo e variado programa de actuacións totalmente de balde, Atardecer no Gaiás ofrece un total de 27 actuacións de artistas e formacións galegas, españolas e internacionais que amenizarán as noitiñas do 5 de xullo ao 8 de setembro con espectáculos de pequeno formato que comezarán ao redor das 21:00 horas. Consulta xa o programa e non te perdas unha cita ineludible para contemplar a mellor paisaxe sonora do momento.

Coa praza exterior convertida en zona chill-out con sofás e coxíns para gozar comodamente do espectáculo, Atardecer no Gaiás arrancarán o 5 de xullo cunha actuación sorpresa moi especial a cargo dun dos músicos galegos que máis soan no panorama musical actual.

O pop e o rock estarán moi presentes neste ciclo coas actuacións dos grupos femininos Las Kellies (Arxentina) e Santa Rita (Cataluña), ademais da banda madrileña Niño Burbuja, a parisina Exsonvaldes, o vigués Fon Román (ex guitarrista de Los Piratas), o folk-pop mediterráneo de Litoral e a mestura folk rock do dúo coruñés Escuchando Elefantes. As propostas máis experimentais chegarán de dúas bandas galegas: o Colectivo Oruga e o seu estilo indietrónico, e o proxecto músico-festivo-visual de República Disco Apocalipso.

Os amantes do rhythm and blues poderán gozar coa banda galega TheAllnightWorkers, mentres que os afeccionados ao jazz máis avanzado terán a oportunidade de escoitar en directo ás formacións galegas 2uS,coa súa ecléctica proposta,e GazzFunkdation, coa súa fusión co funk. O estilo funk tamén se mestura coa música árabe de Al-Madar e as súas influencias do jazz e do soul.

A música tradicional e a poesía tamén teñen o seu oco neste Atardecer no Gaiás coa musicalización de poemas galegos que fai Xardín Desordenado, o recital da poeta madrileña low-tech María Salgado e o repertorio popular do colectivo galego AVO (Atlantica Vapora Orquestra). Ademais, do outro lado do Atlántico chegará a cantautora estadounidense Simone White co seu estilo folk electro-acústico.

A clásica terá o seu protagonismo con seis actuacións da Orquestra de Cámara Galega dirixida polo mestre Rogelio Groba, dedicadas a explorar as tradicións musicais rusa, brasileira, galega, italiana, escandinava e inglesa. Finalmente, a cantante madrileña Cynthia López Ucero “La Canija” poñerá a nota flamenca ao “Atardecer no Gaiás”, acompañada pola guitarra de Ricardo Espada.

Un programa para todos os públicos que só agarda pola túa presenza para facer do atardecer o mellor momento do día.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 12 de Xuño de 2012