Humor + Música + Gastronomía nos Seráns do TAC

Humor, música e gastronomía. O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) recupera este orixinal formato para as tardes do Gaiás coa posta en marcha da segunda edición de Os Seráns do TAC, ciclo que busca introducirnos na música contemporánea dun modo festivo e ameno. Tras o éxito colleitado durante a súa primeira edición, Os Seráns do TAC volve á Cidade da Cultura a través de cinco concertos que estarán introducidos polos mellores monologuistas e aderezados polas últimas tendencias da nosa cociña.

O repertorio de grandes figuras como Varese, Schoenberg ou Cage interpretado polos músicos do TAC combinarase coa estrea de obras de compositores galegos como Eduardo Soutullo ou Raquel García Tomás e a participación de artistas internacionais para dirixir ou tocar obras dos nosos compositores como Paul Daniel. Cinco sesións que estarán introducidas en clave de humor polos actores Quico Cadaval e Carlos Blanco e o músico Julián Hernández (Siniestro Total). Tras o concerto, cinco importantes restaurantes –Abastos 2.0, Eirado de Leña, Pepe Solla, Culler de Pau e Yayo Dacosta- ofreceranlles aos asistentes unha tapa de cociña contemporánea a partir de produtos da nosa xeografía, que favorecerá un momento de conversa así como de gozo dos espazos que ofrece a Cidade da Cultura.

Ao igual que en 2011, Os Seráns do TAC terán lugar na Biblioteca de Galicia e a venda de entradas en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión.

Programa

O primeiro destes Seráns terá lugar xa este mes de maio, concretamente o vindeiro luns 21 ás 20:00 horas, cunha sesión titulada A Contracorrente. Presentada por Carlos Blanco e salpementada coas frescas tapas de Abastos 2.0, o TAC abrirá este segundo ciclo cun concerto de autores que seguiron camiños moi persoais: Varèse, Kagel, Schnittke e Daugherty.

En torno a Schoenberg xirará a sesión que terá lugar o luns 11 de xuño ás 20:00 horas. O público achegarase á figura de Arnold Schönberg dende dúas perspectivas: o compositor visto a través dunha obra inspirada no mundo do cabaret berlinés e o transcritor visto polo arranxo que fixo deste ciclo de cancións para voz e orquestra de Gustav Mahler. Julián Hernández será quen lle dea un toque de humor a esta sesión na que se poderá saborear unha tapa contemporánea de Pepe Solla.

O 29 de outubro, o TAC cederalle a batuta ao director Paul Daniel, cun programa con música do seu compatriota Harrison Birtwistle. Ademais, Paul Daniel interpretará a estrea absoluta dunha peza do compositor galego Eduardo Soutullo, resultado dun encargo do TAC. A introducción correrá a cargo de Quico Cadaval e a proposta gastronómica virá da man de Eirado de leña.

Implicadas no Desenvolvemento, ONG galega que busca cambiar o mundo dende o enfoque de xénero, colabora co TAC na sesión que terá lugar o domingo 25 de novembro. Nesta ocasión, o Serán trasládase ás 12:00 da mañá para poder contemplar unha panorámica da creación feminina actual, con obras dunha compositora finlandesa (Kaija Saariaho), unha alemá (Isabel Mundry), unha catalana (Gloria Rodríguez Gil) e unha galega (Raquel García Tomás), nas que a compoñente audiovisual e sensorial xogan un papel central. O restaurante do Grove, Culler de Pau, será o encargado de ofrecer, neste caso, o aperitivo da sesión vermú.

O broche de ouro de Os Seráns do TAC chegará da man de John Cage, cun “gran circo musical galego” para conmemorar o centenario do seu nacemento. Así, a Cidade da Cultura acollerá o Musicircus de Cage, que consiste nun evento multidisciplinar de actuacións independentes de xeito simultáneo, presentado normalmente en espazos non habituais de concertos. Como xa fixo o ano pasado, o TAC quere abrir para esta sesión unha convocatoria a través de internet para invitar a todos os músicos interesados a participar e facer unha festa musical na Cidade da Cultura.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 02 de Maio de 2012