Don Álvaro de Coimbra no Monte Gaiás | Unha lenda anónima ao redor de 'O prisma dos sentidos'

Atrás quedaba o San Xoán. O días eran largos e os raios do mediodía asomaba polas aberturas das cortinas. Don Álvaro ergueuse da cadeira dende a que, a través da fiestra, podía ver as obras da catedral de Coimbra, a actual “Sé Velha”. Deu a volta e, con sumo respecto, mirou o pequeno altar coa imaxe de Santiago, celestial artífice da conquista da súa amada cidade. Era o momento de cumprir a promesa que deu ao Apóstolo para ir a Compostela, onde planeou chegar co abrente do 25 de xullo. Xa tiña estudadas as etapas do camiño e sabía que, desviándose pola cidade do Porto, habitualmente eran dezanove. Tres máis que directo dende a súa Coimbra natal. Seguramente acabarían sendo algunha máis debido a súa idade. Escolleu a ruta urbe costeira que, segundo a lenda, deu nome a Portugal: “Portus Cale”, o “porto dos galaicos”, aínda que outros din que significaba “porto belo” e “porto de abrigo”.

Don Álvaro de Coimbra, así lle chamaban polo lugar de nacemento, xa entrara en anos, e non quería demorar máis o abrazo ao apóstolo na basílica compostelá. Eran os momentos convulsos do século XII que conduciron á independencia de Portugal, pero sabía que os anos xa non lle permitirían agardar máis tempo. Sentía que un cansazo medrada cos días, poñendo o tempo na súa contra.

Comezou o camiño dende a cidade onde nacera e moraba. Grande era a ilusión, moito máis que as forzas, pero as ansias de chegar a Compostela non daban tregua ao desánimo. Ía queimando etapas e por fin, á tardiña o 24 de xullo, chegaba ás aforas de Compostela. Unha estraña razón que non alcanzaba a comprender, o fixo desviarse pola Vía da Prata. Coas enerxías menos que xustas, pasou Angrois cando case era noite e acelerou o paso ata o cruce do Sar. Pero as tebras botábanse enriba e as forzas o abandonaban. Sentía que para sempre. Non podía máis. Os ollos comezaban a inundarse de bágoas porque non chegaría para abrazar ao Apóstolo. As últimas luces do día se agachaban por poñente, como unha metáfora do seu halo vital. Pechou os ollos evocando a imaxe do Santiago que veneraba na súa casa natal de Coimbra e, resignado, deixouse levar, sen resistencia, despedíndose das lembranzas que pugnaban por asomarse á súa memoria. Adeus amada Coimbra! Mágoa non poder chegar a Santiago!, dicía co último resplandor do día.

O prisma dos sentidos - detalles

Máis, algo sucedeu que lle impediu esvaecerse. Unha forza, poderosa pero confortable, o asía polo torso evitando a caída. Os pés despegábanse suavemente do chan e aquela enerxía sobrenatural e misteriosa o subía pola ladeira do Monte Gaiás. Era como se xa non tivera corpo, como se o envoltorio carnal o abandonara. Levitaba impulsado por esa forza que viña de outro mundo, coa punta dos pés tocando as uces e a herba, sen case sentilas. O transportou ata un lugar do monte onde os últimos raios de sol lle permitiron ver a cidade e a catedral. Incluso, non sabía se era un soño, o Apóstolo lle sorría dende unha fiestra do templo, mentres a forza misteriosa o apertaba no abrazo que el non puidera dar ao discípulo predilecto de Xesús. Por fin, o de Coimbra deixou de sentir tristura. Só sorría, invadido por unha paz que non era deste mundo. Deulle tempo a mirar, entre lusco e fusco, como a noite envolvía, paseniña, cíclica e irremediablemente, a Compostela. Para el foi a derradeira.

Nunca máis se soubo de don Álvaro de Coimbra. Algúns ousados din que ás veces ven a sombra dun cabaleiro medieval levitando sobre o lugar no se constrúe a capela de Acisclo, onde o nobre peregrino puido ver Compostela. Outros incluso din que o sorriso de Daniel é testemuña cómplice do sucedido, que sabía do milagre de Santiago con don Álvaro. Quen sabe? Quizais todo é unha, lenda, unha fantasía e don Álvaro de Coimbra nunca existiu. Ou acaso si, e levita sobre o mundo paralelo que Acisclo recuperou no Monte Gaiás... 

Lenda anónima ao redor da intervención artística 'O prisma do sentidos', creada polo escultor Acisclo Manzano para o Bosque de Galicia na Cidade da Cultura.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 30 de Maio de 2023