As oleiras pioneiras | Pensar coas mans

Se te achegaches ao Museo Centro Gaiás á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia  percataríaste de que é indiscutible a eclosión da artesanía galega actual: polos seus deseños, pola calidade da súa materia prima e técnicas; e polo coidado e mimo do feito a man, que se conserva da tradición, aínda que coas tinguiduras necesarias de innovación e de vangarda. Mais seguro que tamén te percatarías da importante presenza de creadoras artesás: dos 5.000 postos de traballo que xera este sector en Galicia, a maioría son femininos e as mulleres son titulares de máis 53 do por cento dos obradoiros artesáns. Neste senso, queremos enxalzar o importante papel como pioneiras das aldeas oleiras galegas nas que as mulleres estiveron sempre ao fronte do torno : Portomourisco, Gundivós ou Santomé - Ramirás.

Grazas aos estudos de Luciano García-Alén, realizados nos anos 70 e 80 do pasado século, coñecemos o traballo destas oleiras galegas nestes poboados. O etnógrafo repara na olería realizada por mulleres e na situación de paridade neste oficio nalgunhas aldeas, unha realidade agochada que fai visible na investigación A alfarería de Galicia, que segue a ser o gran referente para todos os estudos nesta materia. 

      

  • Deste xeito, na olería de Portomourisco existe unha clara dedicación das mulleres oleiras, que utilizaban o torno baixo —máis fácil de usar e transportar— e traballaban intensivamente durante o verán, mentres os homes se encargaban do forno e da comercialización. 
  • En Gundivós, caracterizado tamén polo uso do torno baixo, a presenza de mulleres está claramente recollida por García-Alén; xa máis próximas no tempo destacan nomes como a oleira de Gundivós, Obdulia Rodríguez, actualmente xubilada, artesá que alude a unha tradición antiga, cunha técnica de torno baixo que produce un tipo específico de recipientes. 
  • Moitas mulleres colaboraban nos traballos derivados da cerámica, desde levar os «cacharros» ao forno ata a venta dos mesmos, caso das regateiras da aldea de Loñoá das Olas, que se encargaban de comercializar os recipientes oleiros. 
  • Na actualidade, e nos núcleos oleiros tradicionais, destacan artesás femininas como Pepa Lombao de Bonxe, unha defensora desta olería  tan antiga e única. Tamén temos nomes como Carmen Isabel Labrador primeira muller oleira de Buño, e presidenta da asociación de artesáns da localidade. Desde a súa Alfarería O Falsete, vén de colaborar co Museo Thyssen realizando unha ánfora inspirada na obra de Max Beckmann, con motivo da recente exposición dedicada a este artista. 


No entanto, e no referente ás artesanías da exposición Pensar coas mans, hai que salientar que a cestería foi practicada igualmente por homes e mulleres, e só no caso de Mondariz se recolle autoría unicamente masculina. Moitas mulleres cesteiras seguen a practicar o oficio tradicional, destacando a realización de sombreiros como os sanscosmeiros.

LUCIANO GARCÍA-ALÉN

    

Luciano García-Alén emprendeu xunto a  Alfredo García-Alén e o fotógrafo José Manuel Gómez Vilasó unha viaxe ao interior da olería de Galicia durante os anos 70 e 80. Como se dunha road movie se tratase o seu coche viaxou por toda Galicia naquelas fins de semana nas que percorría cada pegada ou nova do obradoiro dun oleiro ou oleira, tanto activos como desparecidos.

Este coleccionista e investigador da cerámica tradicional galega estableceu así o mapa das aldeas oleiras galegas distinguindo as variantes comarcais e as súas tipoloxías. Toda a súa investigación tivo o seu froito na publicación do estudo da cerámica tradicional galega, A alfarería de Galicia. Nesta obra analiza todos os tipos e utilidades, as diferentes modalidades de barro e a súa extracción, os fornos, os traballos ao redor dos cacharros e as vivendas obradoiros.. en xeral profundiza nos modos de vida dos oleiros e oleiras galegas.

Á identificación destes núcleos engádese o feito de ser pioneiro na valoración dos artesáns e artesás. El repara no concepto de autoría nunha labor historicamente anónima, fai emerxer nomes propios que se desdebuxaban na colectividade ao longo do tempo, para recoñecer e dignificar a figura do artesán/á.

Luciano García-Alén foi máis aló dunha investigación no eido da olería, a súa relación directa coa comunidade oleira pódese comprobar de xeito claro cando viaxa a Buño, a Bamio, a Gundivós, a Bonxe ou a Niñodaguia entre outros centros oleiros. O agarimo e respecto pola súa figura continúan latentes e moi vivos na actualidade.

El afondou nos recipientes de barro e os seus usos, sacando á luz as unidades de medida do viño, dos líquidos ou dos cereais, e quizais sinalando a ola de medida como un especie de peza nai de toda a olería galega. Unha publicación dos seus traballos outórgalle o título ben merecido de Señorío das olas.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 16 de Xuño de 2019