Torres Hejduk e contorna

Inspirado no casco histórico de Compostela, a cidade deseñada por Peter Eisenman no Gaiás artéllase a través de rúas, soportais e unha gran praza central que comunica todo o complexo, converténdose nunha cidade con vida propia, na que o visitante pode gozar da programación de cada edificio, tomar un café ou simplemente pasear.

Nesta contorna, as Torres Hejduk merecen unha mención especial. Foron deseñadas en 1992 polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000) como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís, pero non se chegaron a realizar. Tras a morte de Hejduk, Peter Eisenman decidiu recuperar o proxecto do seu amigo e compañeiro en The New York Five -grupo que mellor representa o espírito do neorracionalismo arquitectónico- e propuxo a súa construción na Cidade da Cultura.