Novembro científico na Biblioteca de Galicia

Flora, fauna, inscricións antigas, moléculas... A ciencia non é só reaccións químicas e experimentos nun laboratorio. A ciencia é moito máis. E para demostralo, a Biblioteca e Arquivo de Galicia, da man do CSIC Galicia xunto co Instituto de Investigacións Mariñas, o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia e Misión Biolóxica de Galicia e Instituto de Ciencias del Patrimonio, celebran durante todo o mes de novembro actividades familiares que descubrirán novos aspectos do mundo científico.

O programa arranca o sábado 7 de novembro coa posta en escena dun conto teatralizado, no que nenos e maiores introduciranse, dun xeito lúdico e adaptado a todas as idades, en contidos científicos relacionados coa vida dos cefalópodos. Será a través dun libro de OQO Editora, no que un fermoso polbo chamado Octavio busca o seu sitio no circo do fondo do mar. Esta actividade é de balde, con entrada libre ata completar o aforo.

O 14 de novembro será a quenda de introducirnos nun laboratorio grazas o Obradoiro de extracción de ADN, onde rapaces de 10 a 14 anos aprenderán a extraer o ADN dunha froita mediante unha técnica moi sinxela que emprega produtos cotiáns como sal, deterxente, zume... O obradoiro é de balde mais precisa de inscrición previa.

Ao igual que o obradoiro que terá lugar o 21 de novembro, a partir das 17 horas. Trátase do Obradoiro de Arenoglifos, un divertido taller onde os participantes -de 7 a 14 anos- poderán facer unha pequena réplica dun petróglifo pero, en lugar de facelo esculpindo as rochas, estes arenoglifos faranse con area e pintura para que logo poidan levalos a casa. Xa se poden realizar as inscricións aquí.

O mes da ciencia na Biblioteca de Galicia rematará o sábado 28 de novembro coa actividade Flora e fauna nunha pinga de auga. Pensado para compartir pais e fillos, os participantes descubrirán organismos moi moi pequenos, animais e vexetais, que terían espazo dabondo para vivir nunha pinga de auga. Grazas as lupas binoculares poderemos observalos e falar deles en detalle: explicando de onde se obtiveron, como se procesaron e cal é o obxectivo da súa recollida. Este último obradoiro está pensado para nenos a partir de 6 anos e é de balde previa inscrición. Os nenos deberán vir acompañados por un adulto que tamén deberá facer reserva.

En familia
Santiago de Compostela, 13 de Outubro de 2015