Na exposición As miradas de Isaac no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhíbese unha obra pintada por Díaz Pardo en 1946 e que conmove profundamente: Os afogados . Nela transmítese cunha extraordinaria forza expresiva a traxedia da morte. Mais, aínda que o cadro ten por título Os afogados e recolle varios elementos claramente mariños, o título ben podería ter sido Os fusilados, xa que se trata dunha metáfora das persoas asasinadas nas cunetas polos fascistas nos primeiros días do golpe de Estado de 1936.
Xunto a O discurso —tamén exposta nesta mostra homenaxe ao poliédrico creador galego— supoñen as dúas primeiras obras de consciencia política de Díaz Pardo, quen neste cadro o que realmente quería representar era un mitin. Ambos os dous títulos resultaban imposibles nunha sociedade amedentrada polo xugo da ditadura franquista.
Hai que lembrar ao respecto, o dato importante e tráxico de que o pai de Díaz Pardo, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, foi fusilado nos primeiros días do 36. Tanto o drama da Guerra Civil como a pintura que el contempla no Museo do Prado na súa época de estudante en Madrid están moi presentes en Os afogados. Así, a composición clásica do cadro leva directamente a Los fusilamentos del 3 de mayo de Goya. Ademais, Díaz Pardo súmase coa composición pictórica e tamén coa temática ás representacións de denuncia dos actos atroces do fascismo, como as de Castelao nos álbums Galicia Mártir e Atila en Galicia, con A derradeira leición do mestre como imaxe icónica.
Díaz Pardo deixou a pintura xusto cando empezaba a ser un artista recoñecido dentro e fóra do país, porque tal e como el mesmo recoñeceu non se sentía cómodo pintando para a burguesía da época, mais este abandono fíxoo tras crear obras tan extraordinarias e de tan profundo dramatismo como esta, un lenzo no que é imposible non imaxinar a súa propia dor pola tráxica morte do pai e pola de tantos outros asasinados coma Díaz Baliño nas cunetas nese verán de terror de 1936.

