Museo 2.0, realidade ou ficción? a debate no II FIEC

Cadros que se poden ver no teléfono móbil, intervencións artísticas seguidas por streaming, galerías de imaxes tomadas polos propios visitantes, audioguías con explicación xeradas e grabadas por escolares… Benvidos ao Museo 2.0! Realidade ou ficción?

A Cidade da Cultura abordará como é a relación entre os museos e as novas tecnoloxías na segunda edición do Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) que, baixo o título A Araña na arañeira, terá lugar do 7 ao 9 de novembro. Profesionais independentes e de centros internacionais e nacionais como a Tate Modern, The British Museum, o Museo Thyssen-Bornamisza ou o MACBA-Museu D’Art Contemporani de Barcelona analizarán as estratexias postas en marchas por diferentes institucións para achegar a oferta artística a un maior número de xente, convertendo aos museos en verdadeiros motores dunha oferta cultural que sirva de impulso para reactivar o sector turístico.

Museos e Novas Tecnoloxías será a conferencia inaugural deste II FIEC, que estará a cargo de Jasper Visser, fundador de The Museum of the Future e da axencia de implementacións dixitais Inspired by Coffee, profesional de primeiro nivel que leva anos prestando asesoramento ou desenvolvendo estratexias dixitais para importantes institucións culturais como o Museum of National History en Holanda, o Qatar Museum Authority de Doha ou o SICA-Dutch Centre for International Cultural Activities de Amsterdam.

Entre os membros de entidades internacionais destacan Marc Sands, director de Novos Medios e Formación de Públicos da Tate de Londres; Shelley Mannion, responsable do programa de Educación Dixital de The British Museum; Susan Hazan, Conservadora de Novas Tecnoloxías e Responsable de Internet no Israel Museum de Jerusalén; Samuel Bausson, webmaster do Muséum de Tolouse; Merete Sanderhoff, Investigadora e Directora de proxectos da SMK-National Gallery of Denmark; ou Steve Devine, responsable de novas tecnoloxías no The Manchester Museum. Do mesmo xeito, o II FIEC contará con expertos de centros nacionais como Rufino Ferreras Marcos, responsable de Desenvolvemento Educativo do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid e director do portal educativo www.educathyssen.org; Anna Ramos, responsable de Ràdio Web MACBA-Museu d’Art Contemporani de Barcelona; e Francisco Doménech, webmaster nos Museos Científicos Coruñeses.

Inscricións

O II Foro Internacional de Espazos para a Cultura está destinado a profesionais do ámbito da cultura e estudantes, que poderán matricularse antes do mércores 31 de outubro. Para as cen primeiras prazas, o custe será de 30 euros para estudantes e 50 para profesionais. Os interesados atoparán en www.fiec-cidadedacultura.org o boletín de inscrición e toda a información necesaria para participar.

Santiago de Compostela, 03 de Outubro de 2012