A "boa música" de Pestana

Baldomero Pestana ( Castroverde, Lugo. 1917- Bascuas, Lugo 2015) foi un home moi polifacético que lle poñía paixón a todo o que facía ou do que gustaba —fotografía, poesía, pintura…— e nese grupo de estupendas afeccións estaba a música, tal e como dá boa conta a súa galería de retratos a músicos icónicos da segunda metade do século XX como Dizzy Gillespie, Quince Jones ou Lalo Schifrin.

Unha ollada á súa fonoteca persoal, que levou sempre consigo, xunto aos negativos e libros  —atópanse no seu atelier en Bascuas, onde a gozou ata o final— ofrécenos unha idea do seu ecléctico gusto musical: desde vinilos de Benny Goodman a Rachamaninov; unha Antología de la Música Peruana do século XX a Béla Bartók; de Paco de Lucía á música popular do Kurdistan; ou o disco de Le Cobusier: L’Arquitecture Contemporaine, con portada de Óscar Neymeyer.

A colección de casetes é moito más ampla e algunha das citas gravounas en directo en diferentes lugares do mundo e, nalgún caso, foron probablemente o único documento sonoro que se rexistrou desas actuacións ou concertos.

A música, en definitiva, inundaba o resto de facianas da súa vida. A súa afección vén desde moi novo. Así, na súa xuventude, os seus amigos chamábano Beethoven pola súa paixón, daquela, polo músico alemán e mesmo intentou aprender a tocar o violín. Aínda que lle gustaban todos os estilos, para el o jazz era "o mellor invento do século XX". Nas súas viaxes, gustaba de coñecer a música dos países que visitaba, como se pode comprobar aínda hoxe na súa fonoteca, da que nunca se desprendeu. Mais cando lle preguntaban cal era a súa música favorita, el respondía cunha irrefutable sentenza: "a boa"

E coa “boa música” que lle gustaba escoitar ou que dun xeito afectivo ou anecdótico está vinculada especialmente a el, Miguel Cajigal, técnico do Departamento de Educación, Mediación, Información e Atención ao Visitante do Museo Gaiás —que acolle desde o pasado 30 de abril a exposición retrospectiva Baldomero Pestana, a verdade entre as mans— realizou unha listaxe musical, que podedes degustar premendo aquí.

Ademais, como resultado dun tê a tê con Carmen Rico Coira —familiar de Baldomero Pestana que xestiona, conserva e salvagarda, xunto Antonio Polín, o legado artístico do mesmo— Miguel Cajigal proponnos unha viaxe pola música e músicos que marcaron a Baldomero Pestana que nos serve para confirmar a vida tan dickensiana do fotógrafo de Castroverde. Comezamos!


  • Dizzy Gillespie ten gran relevancia na vida e carreira fotográfica de Pestana, por ser o primeiro gran personaxe da cultura que puido retratar, durante os seus concertos no Teatro Casino de Buenos Aires en 1956. A peza escollida, On the sunny side of the street, é probablemente a máis famosa de Dizzy e foi gravada, ademais, ao ano seguinte de que Pestana lle tomase as fotos na Arxentina. 
  • Lalo Schifrin, compositor e pianista de jazz arxentino, foi o primeiro artista en solicitarlle a Pestana unha sesión fotográfica, días despois da de Dizzy, pois gustáranlle moito as fotos que Baldomero tomara do trompetista norteamericano. Schifrin e Gillespie estableceron unha moi boa relación en Buenos Aires —Lalo acabaría mudándose aos Estados Unidos de América para tocar co quinteto de Dizzy—. A peza Panamericana forma parte da Suite musical Gillespiana, composta por Schifrin para Gillespie. Neste rexistro, os dous músicos interprétana en directo en París, outra das grandes cidades da vida de Pestana. 
  • Tamén se inclúe na lista de reproducción a música orixinal que Lalo Schifrin compuxo para a serie televisiva Mission: Impossible, unha das músicas máis coñecidas na cultura popular dos últimos sesenta anos.
                
  • Quincy Jones fora o encargado de formar a banda coa que Gillespie viaxara por medio mundo, con parada en Buenos Aires onde Pestana o coñeceu. Naquela época, Quince Jones xa amosaba o seu talento para a produción musical, pero nada facía presaxiar que se acabaría convertendo nunha das figuras culturais máis importantes da historia dos Estados Unidos: primeiro compositor afroamericano en escribir música para películas, autor de arranxos para Frank Sinatra e produtor de Tonny Bennett, Sarah Vaughan e, sobre todo Michael Jackson. Soul Bossa Nova é a súa composición máis famosa e, posiblemente, unha das músicas máis recoñecibles da historia do cinema, con todo o aroma dos musicais americanos que Pestana adoraba na súa xuventude. Tamén se inclúe a famosísima Billie Jean, un dos primeiros éxitos do dúo Jackson-Jones, e máximo exemplo da música pop, estilo do cal Baldomero Pestana era un gran seareiro.
  • Pestana tivo grande contacto cos máis importantes renovadores da música arxentina do seu tempo: Astor Piazzola, Alberto Ginastera e Juan Carlos Paz. Compositores de estilos ben diferenciados, o que amosa a amplitude do seu gusto musical. Coñeceu os tres creadores, xa que era amigo ímtimo da filla de Ginastera. De Piazzola inclúese a peza insignia da súa creación musical, Adiós Nonino, ademais de Balada para un Loco, peza revolucionaria da historia da música popular arxentina e bandeira da cultura porteña, interpretada pola lendaria Amelita Baltar. 
  • Danza de la moza donosa de Ginastera é unha peza clásica de profundo aroma porteño, interpretada por Daniel Barenboim, xudío bonaerense, coma aqueles nenos e nenas cos que Baldomero sentaba na parte de atrás da aula cando ía á escola. 
  • De Juan Carlos Paz, a quen lle dedicou o seu retrato a Pestana con "la amistad, la admiración y el agradecimiento" inclúese Cuarta composición dodecafónica, linguaxe sonora da vangarda que entusiasmaba a Baldomero Pestana. Por ese motivo, tamén ten que estar presente na lista o pai do dodecafonismo e gran reinventor da música culta no Século XX, o seu admirado Arnold Schoenberg (Leicht, zart da súa colección de Seis pequenas pezas para piano).
  • Tamén pianista, o británico Michael Nyman (The Heart Asks Pleasure First) era un dos autores preferidos de Pestana. E poderíase dicir que a admiración foi mutua a título póstumo, pois Nyman quedou cativado coas fotografías de Pestana en non dubidou en levar un catálogo da nosa exposición en Madrid.
  • O grande interese de Baldomero pola música de Europa do Leste e os seus amplos gustos pola modernidade musical facían doado deducir que lle gustase Béla Bartók. En efecto, encantáballe. O prestixioso etnomusicólogo do século XX está representado con Roman nepi tancok, un dos seus arranxos sobre seis cancións tradicionais de Romanía. 
  • A paixón pola música dos pobos provocaba tamén afección polo flamenco, aquí representado pola guitarra de Paco de Lucía na celebérrima Entre dos aguas, e tamén por música cunha fonda raíz como a de Atahualpa Yupanqui, tamén guitarrista e poeta, probablemente o máis destacado popularizador do folclore arxentino (Los ejes de mi carreta).
  • O final deste percorrido selecto polo mundo sonoro de Pestana volve ao piano. Primeiro cun dos seus músicos máis admirados, Bill Evans, e a intimidade do seu Skating in Central Park. E, para rematar, con Debussy, ese compositor que para Pestana, como conta Carmen Rico, lle abriu as portas e xa se deixou ir.
 
Se quedastes con ganas de profundar máis nesta viaxe polos gustos e referentes musicais de Baldomero Pestana, e queredes coñecer máis polo miúdo esta faciana ademais da súa de retratista de iconas culturais de mediados do S.XX contades todos os venres, ás 16.30 horas con visitas comentadas, de balde e sen necesidade inscrición, ás 16.30 horas: bit.ly/BaldomeroPestanaGaiás
 

 

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 28 de Xuño de 2018