Todo o que imaxinas agárdate na Cidade Imaxinaria

Este sábado, 20 de agosto, temos preparado algo moi especial: a Cidade da Cultura encherase de magos, bailaríns, acróbatas, músicos, cómicos e actores que converterán o Gaiás nunha gran festa.

A Cidade Imaxinaria é un festival de mais de vinte espectáculos artísticos en pequeno formato que se desenvolverá ao longo de todo o día, de 11.00h da mañá a 23.00h da noite. Toda a familia poderá participar e abraiarse coas actuacións: pequenas pezas de teatro, producións de danza, números de circo e maxia, monicreques, malabaristas… A Cidade da Cultura converterase nunha explosión de creatividade e imaxinación que rematará cun impresionante espectáculo visual e musical no que os acróbatas da compañía francesa Transe Expresse realizarán un número colgados dun guindastre a máis de trinta metros de altura.

O Festival abrirá as portas a viaxar coa imaxinación, transportándonos á época do modernismo: espectáculos e actividades como a “biblioteca da maxia”, onde se agochan 576 caixas negras con trucos sorprendentes, a “danza enfurecida” dos bailaríns de Dancetheatre, os prodixios da “Feira dos inventos”, a caravana da “Caixa de Mixtos”, … A Cidade Imaxinaria ofrécenos unha novidosa proposta multidisciplinar para alimentar a imaxinación e o lecer creativo.

E, o mellor de todo: todas as actividades son de balde! Para participar nalgúns eventos haberá que recoller un ticket no mesmo día no mostrador da Biblioteca de Galicia (dende as 10.30h para as actividades da mañá e dende as 15.30h para as que teñan lugar pola tarde). Para outros, haberá que reservar previamente, o que podes facer na web.

Estades todos convidados! Que comece a función!

En familia
Santiago de Compostela, 17 de Agosto de 2011