Carteis do Estatuto | Díaz Pardo & Castelao

Esta semana conmemoráronse os 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, herdeiro do de 1936 (truncado polo golpe de Estado) e en cuxa consecución estivo implicado un moi novo Díaz Pardo. Con só 15 anos fixo carteis a favor do SI, ao igual que Seoane ou Castelao, e que poden verse no Museo Centro Gaiás na exposición «As miradas de Isaac».
 
 
 
Mais coñecías que foi Díaz Pardo quen debuxou o cartel icónico do intelectual de Rianxo no que se representa un señorito con chistera e frac, que está a muxir unha vaca mentres esta é alimentada por unha moza campesiña galega ?
 
Castelao andaba tan atarefado coa campaña plebiscitaria, que non tiña tempo de compoñelos, así que lle deu uns debuxos e as instrucións precisas e díxolle a Díaz Pardo: “Isaíño, faimos ti”. “Eu fixen os dous de Castelao, o do leñador e o da vaca. Era simplemente reproducir as súas ideas nos carteis", admite Isaac na imprescindible peza audiovisual que podes ver completa na mostra da Cidade da Cultura de Galicia. Nela revélanse outras anécdotas curiosas, afectivas e históricas da relación de Díaz Pardo con todos estes intelectuais galeguistas.
 
Tira proveito da ampliación da exposición ata o 30 de maio para mergullarte nun personaxe clave da historia da cultura galega do século XX, que merece ser recoñecido e posto en valor polas súas importantes achegas.
 
Aberta de martes a domingo, con entrada libre e de balde. Só é preciso reserva para que a visites da man das explicacións do noso persoal de guías .

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 11 de Abril de 2021