Ímonos de Culturgal!

A feira das industrias de Galicia, Culturgal, cumpre dez anos e a Cidade da Cultura de Galicia estará presente neste edición tan especial cunha presenza tamén especial: dándovos a coñecer polo miúdo a nosa programación cultural máis inminente.

Así que collede a vosa entrada  e acudide, do 1 ao 3 de decembro, ao Pazo da Cultura de Pontevedra para a descuberta das propostas que temos argalladas no Gaiás e que formarán parte da vosa axenda cultural desde xa:

Nadal no Gaiás. Presentación o domingo 3 de decembro, a partir das 12.45 horas. No Espazo Infantil. Este ano a programación contará con mostras, campamentos e espectáculos ao redor do mundo circense. Deste xeito, no Culturgal poderedes ver, gozar e incluso subirvos á cebra mecánica- balancín, unha das abraiantes pezas que forman parte da exposición sobre escenografías dos circos de inverno 'Fantasía de Nadal'.  Ademais, poderedes participar nun dos obradoiros sobre disciplinas circenses, a modo de exemplo dos que se impartirán nesas datas de vacacións escolares na Cidade da Cultura.



Pequefilmes. Presentación o domingo 3 de decembro, a partir das 12.45 horas. Espazo Infantil. Toda unha fin de semana de proxeccións, votacións, premios do público e obradoiros cos que dar resposta á demanda dun público pequeno en tamaño pero grande en esixencias. No Culturgal poderedes gozar dalgunhas fitas que forman parte deste Festival Infantil de Curtas.


Escenas do Cambio. Presentación o venres 1, ás 19 horas. Espazo arte contemporánea.  Do 1 ao 10 de febreiro de 2018 teredes a oportunidade de gozar de 13 espectáculos de compañías procedentes de cinco países (España, Portugal, Marrocos, Siria, Francia e Italia). O  festival de inverno de tatro, danza e arte en acción máis vangardista de Galicia celebrarase no Museo Centro Gaiás, Biblioteca e Arquivo de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC e Salá Agustín Magán.


CEM. Café-presentación o venres 1, ás 18 horas. Espazo Libro. Achegádevos no Culturgal a coñecer toda a actividade (coworking, viveiros e xornadas) que acolle durante todo o ano o Centro de Emprendemento do Gaiás. 
Santiago de Compostela, 27 de Novembro de 2017