As dornas de Xocas e un Vicente Risco "enrabechado": tesouros cotiás de 'Galicia, de Nós a nós'

Se vos achegades a visitar Galicia, de Nós a nós, seguro que chamará a vosa atención a impoñente dorna que ocupa unha das salas da exposición. Non deixedes de mirar a vitrina ao seu carón para atopar esta brincadeira, en formato de banda deseñada, que o director da revista Nós, Vicente Risco, lle remitiu como desculpa a Xaquín Lourenzo, Xocas, precisamente polo retraso na publicacion do seu artigo sobre as dornas.

As súas palabras, que transcribimos a continuación, transpórtannos automaticamente ao día a día dun proxecto que por momentos chuchaba todas as enerxías dos seus impulsores:

«Querido Xocas: ehi vai espricado todo o qu'acontez. As dornas están no meu poder. Tamén as verbas. Estanse tratando co Casal as cousas de Nós. Hoxe estivo eiquí o Fermín co-a muller. Cando veña xa ll'espricarei. Levo traballado moito. Estou morto. Estou enrabechado. Non sei.»

A exposición agocha moitos pequenos tesouros coma este, que dialogan entre si, que nos falan do día a día, dos atrancos, das contas, das amizades... dos fíos que entreteceron a historia dunha publicación sen a que hoxe Galicia non sería tal e como a coñecemos.

Podedes mergullarvos neles ata o 17 de xaneiro. Lembrámosvos que todas as exposicións do Gaiás poden visitarse libremente sen necesidade de inscrición. Só cómpre rexistrarse para as visitas comentadas.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 11 de Decembro de 2020