Libros e música para comezar o outono

Chega o outono á Biblioteca de Galicia e faino entre libros e música. A través de tres obradoiros e un concerto didáctico, os máis pequenos da casa poderán descubrir figuras como a de Camilo José Cela e descubrir a maxia da ópera e dos instrumentos de corda.

O programa arranca o 28 de setembro co obradoiro Textos e pretextos, pensado para rapaces de 8 a 12 anos. Ao día seguinte, teremos a oportunidade de celebrar o Centenario de Camilo José Cela, cun obradoiro literario e plástico que terá como eixe central a obra La Colmena. Ambos os dous talleres son de balde previa inscrición no web.

Xa en outubro, o mes arrancará cun concerto didáctico a cargo do grupo Campo de Estrelas, que consistirá nun paseo pola música do mundo a través dos instrumentos de corda: violín, viola, violoncelo e contrabaixo. Será o domingo 2 de outubro ás 18 horas e a entrada é libre ata completar aforo. E a fin de semana seguinte terá lugar o obradoiro Cóntamo con música, unha actividade experimental na que traballar a intelixencia emocional a través da música. Está pensado para nenos de 8 a 14 anos e a entrada é de balde previa inscrición no web.

En familia
Santiago de Compostela, 13 de Setembro de 2016