Coñece a Cidade da Cutura coa #MuseumWeek2017

Por terceiro ano consecutivo, a Cidade da Cultura de Galicia participará na #MuseumWeek, proxecto online no que as institucións culturais e museos de todo o planeta conversan cos usuarios sobre arte, historia, patrimonio… 

A #MuseumWeek 2017 celébrase do 19 ao 25 de xuño con sete temas relacionados co estilo de vida e os museos: #foodMW, #sportsMW, #musicMW, #storiesMW, #booksMW, #travelsMW e #heritageMW. Ademais, contaremos cunha etiqueta transversal: #womenMW, coa que faremos a nosa pequena contribución para visibilizar o importante papel da muller na cultura.

Luns, 19: #foodMW. Sabías que a Cantina do Gaiás gañou dous premios Restaurant & Bar Design, que recoñece aos restaurantes mellor deseñados do mundo? E que os cociñeiros do Grupo Nove celebraron aquí o seu décimo aniversario? Coñeces o merendeiro do Parque do Lago? O luns será o día para analizar a cultura gastronómica do Gaiás.

Martes, 20: #sportsMW. Practicas deporte no Bosque de Galicia? Participaches na HoliGaiás? Estás apuntando a un novo Camiño ao Gaiás? O martes conversamos de hábitos de vida saúdables e deporte no Gaiás.

Mércores, 21: #musicMW. A que soa o Gaiás? O mércores poderás descubrilo nunha playlist especialmente elaborada para este día cos grandes temas que soaron na Cidade da Cultura. E, ademais, repasaremos o cartel de Atardecer no Gaiás, celebraremos o Día da Música e recordaremos algunhas das actuacións máis especiais. 

Xoves, 22: #storiesMW. Coñeces todos os segredos da Cidade da Cultura? Sabías que no Gaiás se creou un traxe sonoro con cancións de 60 bandas galegas? E se che contáramos que dunha batea pode saír unha cadeira? Non perdas ningunha das historias que temos preparadas  para vós.

Venres, 23: #booksMW. Da bola de libros ao corazón da Biblioteca de Galicia, cunha ollada especial ás nosas escritoras e o legado bibliográfico que alberga a Cidade da Cultura.  Este venres non podes perder a viaxe que temos preparada por séculos de historia.

Sábado, 24: #travelsMW. Unha viaxe de ida e volta que comeza e acaba en Galicia. O percorrido vital do fotógrafo José Suárez centrará a xornada, con paradas en Madrid, París, Uruguai, Arxentina ou Toquio. Lugares nos que viviu José Suárez e aos que está a regresar a exposición antolóxica producida pola Cidade da Cultura.

Domingo, 25: #heritageMW. O arquitectónico, o literario, o natural e o humano. O patrimonio físico e dixital da Cidade da Cultura servirá para despedir esta nova Museum Week.

 
Santiago de Compostela, 16 de Xuño de 2017
Museum Week 2017