Programación Letras Galegas 2016

A través dos seus versos, a ritmo de rap, en forma de conto teatralizado ou ilustrando o seus poemas coas nosas mans. A Cidade da Cultura réndelle este mes de maio unha grande homenaxe a Manuel María, autor a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, cunha programación pensada para que todos os públicos se acheguen á vida e obra do poeta lucense.

A programación das Letras Galegas 2016 arranca o propio día 17 de maio, cando o Gaiás acolla o recital multimedia Verso busca voz, un acto no que todo aquel que o desexe porá voz aos seus poemas preferidos de Manuel María ao tempo que poderán gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK. Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse e indicar aquel poema ou poemas que lle gustaría recitar o 17 de maio. De non ter preferencia, a organización recomendaríalle algún. 

Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes deixarán voar a súa imaxinación, dando lugar a novas composicións que interpretarán posteriormente no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición. 

A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, vermú de Petroni e olivas de Eidos de Iria.

Pero a homenaxe a Manuel María non concluirá o día 17 de maio. O domingo 22 de maio, o auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia acolle o conto teatralizado Carteiro en bicicleta, un espectáculo de Caxoto Contacontos onde conflúen varias disciplinas a partir das experiencias e vivencias dun carteiro “dos de antes” que nos fala do seu traballo, da importancia que tiña o correo en tempos, de historias emocionantes e cheas de vida e dos grandes autores da literatura galega. A función comezará ás 18 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Por último, a Cidade da Cultura acollerá o obradoiro A casa de Manuel Maríano que nenos de 5 a 12 anos poderán ilustrar os poemas e textos do escritor homenaxeado, ademais de construír un libro despregable coas súas ilustracións. A entrada é de balde pero precisa inscrición, que se abrirá o vindeiro 16 de maio.



En familia
Santiago de Compostela, 28 de Abril de 2016
Homenaxe a Manuel María