CA-CO-FLEX leva o cartón ao centro do escenario para falar de vivendas e de vidas precarias

Conta Isabel Fernández que na idea de usar o cartón para falar da situación actual de acceso á vivenda tiraron de varios fíos. Por un lado están as arquitecturas efémeras, desde o refuxio que constrúe quen vive na rúa ata a Village en Carton proxectada en 1968 por Guy Rottier como cidade temporal para os membros da contracultura hippie da época. Tamén as arquitecturas de emerxencias, empregadas en países como Xapón para dar acubillo en caso de catástrofes naturais.

De todo isto, “hai unha terceira evolución que son as casas ultracuquis, casas que fabrican empresas de deseño ao modo das vivendas prefabricadas de madeira pero con cartón moi procesado, prensado e logo cuberto, iso si, con madeira”, explica. “Un novo produto que din reduce moito os custos e ofrece unhas garantías de perdurabilidade suficiente para que unha persoa viva dentro 40 ou 50 anos. Xa non pensamos en herdanzas”.

Cacoflex ensaios

Con estes vimbios, Isa e o seu equipo están a construír, tirando proveito das axudas REGA da Cidade da Cultura, unha peza escénica sobre un tema moi actual na que entrelazan o íntimo co colectivo. Un percorrido que inclúe o pasado, “este rollo máis da nostalxia, dos recordos dos fogares polos que pasamos, o presente, a precariedade na que vivimos, e a imposibilidade de proxectarnos cara ao futuro por non ter unha vivenda ou unha posibilidade de acceder a ela”. Aclara que tamén hai moitísimo humor, que era algo que non esperaba que agromase ao comezar a residencia artística. 

Ademais de Isabel, que asume o apartado de creación e dirección da obra, traballan en CA-CO-FLEX a artesá Julia Marín, responsable do deseño do espazo escénico, e as actrices e actores novos (e tamén creadores) Ziggi Iglesias, Alixa Ladson, Mateo Rodríguez, Lúa Pagán e Hugo González.

Conseguir a residencia, xunto coas vantaxes económicas e de dispor dun espazo para crear e ensaiar, ten un beneficio non tan evidente pero quizais máis importante: a obriga de ter que cumprir cuns tempos e a necesidade de ser eficaz e de producir. “Isto é algo que, sobre todo á xente que empezamos, moitas veces é o que nos falta. Porque temos moitas ideas pero perdémonos nelas”, sostén. A finais de novembro poderemos ver un pestisco de todo este intenso traballo na Cidade da Cultura.

Triángulos para unha casa imposible

O cartón en CA-CO-FLEX é fonte de inspiración e ten unha presenza escénica moi importante. Julia Marín é a encargada de darlle forma (de triángulo) e integralo dentro da peza, nun diálogo que ás veces parece un ping-pong creativo entre a escenógrafa e o equipo actoral. Pola súa traxectoria como artesá de instrumentos musicais tradicionais e encadernadora, o cartón non é a materia prima coa que está acostumada a traballar, aínda que asegura que é un material moi agradecido.

Cacoflex ensaios

A elección do triángulo como base para a escenografía non é tampouco arbitraria. Trátase da figura xeométrica máis pequena —con menor número de lados e ángulos— que se pode construír. E ao mesmo tempo “dá a sensación de estar desfeito, ti non podes facer unha casa só con eles, terías que facer cadrados cos triángulos”, afirma a directora da obra. Tamén considera que é unha forma máis agresiva que o círculo, que remite á comunidade, mentres o triángulo asemella máis individualista.

A obra ten unha parte moi física, na que as actrices e actores falan das présas coas que se vive na actualidade, da ansiedade, de non ter un espazo e terte que mudar, outra vez, ou sentir que nunca chegas. Son temas que atravesan tamén a peza e á sociedade contemporánea. “A vivenda, en definitiva, como un síntoma de todo o demais”.

Santiago de Compostela, 07 de Novembro de 2024