Biblioteca e Arquivo de Galicia

O edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia alberga estas dúas institucións independentes.

Cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade, a Biblioteca de Galicia reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico da comunidade e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual. Peza clave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas, a difusión da cultura galega é un dos grandes obxectivos desta institución. Ademais, funciona como depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, das que se deposita unha copia nas súas instalacións.

O legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, as obras de Carlos Casares ou a más completa cartografía de Galicia forman xa parte duns fondos abertos a todos os cidadáns.

A Biblioteca de Galicia configúrase como un centro moderno, xestor, difusor e conservador tanto de materiais tradicionais impresos (libros e publicacións periódicas, gravado, fotografía, etc.), como de novos soportes (sonoros, audiovisuais, electrónicos, etc.) a través de consultas e servizos realizados in-situ, na súa localización da Cidade da Cultura, como realizados en liña ou a través de consultas á súa ampla e pioneira biblioteca dixital. 

Como centro depositario do patrimonio bibliográfico máis valioso de Galicia, a Biblioteca de Galicia está orientada fundamentalmente a investigadores, estudosos ou persoas interesadas na cultura galega. Os fondos en soporte físico resultan accesibles para as persoas dedicadas á investigación, sexa académica ou derivada dun interese particular, que poden acceder á documentación nas dependencias deste centro. Tamén ofrece fondos dixitalizados a través da rede en Galiciana, así como un catálogo de acceso público. 

O Arquivo de Galicia, como cabeceira e de referencia do sistema de arquivos da comunidade, a súa misión é a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos públicos ou privados en calquera tipo de formato que, polo seu valor, precisen ser conservados. Ademais, o Arquivo de Galicia custodia os documentos emanados das actividades da Xunta de Galicia e os seus órganos dependentes, asegurando o seu acceso aos cidadáns. Simboliza a unidade do patrimonio documental da Comunidade, patrimonio que comprende unha porción notable da súa cultura escrita e caracterízase, entre outros aspectos, pola súa calidade, antigüidade, diversidade, invisibilidade e dispersión.

Cunha ampla sala de lectura, unha potente rede wifi e un servizo de consulta dixital, a Biblioteca e Arquivo de Galicia ábrese aos usuarios como zona de estudo pero tamén como lugar para acoller diferentes eventos: desde concertos a proxeccións audiovisuais ou obradoiros. Unha función que se complementa co auditorio do que dispón o edificio, cunha capacidade para 120 persoas.

Información sobre servizos da Biblioteca e o Arquivo de Galicia 

➖ As instalacións da Biblioteca de Galicia están abertas ao público cos servizos e horario habituais -de 9 a 21 horas, de luns a domingo. A capacidade da sala de lectura é de 90 postos.

➖ O persoal da Bilioteca de Galicia ofrece tamén os seus servizos dixitais a través da páxina web bibliotecadegalicia.xunta.gal e Galiciana. As persoas usuarias teñen ao seu dispor os teléfonos 981 545 070 / 981 545 963 e o enderezo electrónico: bibliotecadegalicia@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas ou consultas.

➖ O Arquivo de Galicia mantén a atención telemática e a atención presencial baixo cita previa contactando en: arquivogalicia.cultura@xunta.gal ou no teléfono 881999661.

Uso da sala de lectura

➖ Cómpre seguir en todo momento as indicacións do persoal da Biblioteca e Arquivo de Galicia.

➖ Non está permitido desprazar ou mover do seu lugar cadeiras, mesas ou outras pezas de mobiliario.

➖ Os estantes das librerías da sala de lectura non poderán utilizarse para depositar obxectos persoais.

➖ Non está permitido introducir comida ou bebida, agás auga embotellada.

➖ Todos os libros da sala de lectura poden ser consultados. Rematada a consulta deben deixarse nas mesas. Será o persoal da biblioteca quen os volva colocar nos andeis.

➖ Poderán visitarse libremente as exposicións da Biblioteca e Arquivo de Galicia, respectando a capacidade do espazo.