Xullo, mes de Manuel Antonio na Biblioteca de Galicia

Xullo será o mes Manuel Antonio na Biblioteca e Arquivo de Galicia. Xogos, obradoiros e recitais poéticos recordarán a súa figura cando conmemoramos o 115 aniversario do nacemento do poeta rianxeiro.

O 7 e 8 de xullo, grandes e pequenos terán a posibilidade de descubrir a Manuel Antonio, a súa vida e obra e o seu contexto histórico a través dun divertido xogo de pistas, preguntas e respostas. Será en Aventuras no mar de máis alá, unha divertida xincana pensada para todos os públicos (os menores de 6 anos deberán vir acompañados por un adulto).

A través da obra máis senlleira de Manuel Antonio, De catro a catro, os participantes no xogo dramatizado Aventuras no mar de máis alá realizarán unha imaxinaria ruta en barco con múltiples paradas nas que achegarse ao autor dun xeito divertido. A actividade é de balde mais é preciso inscribirse previamente

E tras o xogo, o descubrimento a través dos poemas. Porque o xoves, 9 de xullo, a partir das 19 horas, o auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá o recital poético Naufraxios na luz, da man de Gail Langstroth. 

Naufraxios na luz é un espectáculo onde a música, a voz e o movemento arrolan, como as ondas do mar; a palabra poética de Manuel Antonio. Naufraxios na Luz propón unha lectura actualizada de catro poemas dun poeta de abismos e océanos; catro textos dunha vangarda xa case centenaria, onde a navegación do espírito carece de faro e de sextante. Na proposta da euritmista Gail Langstroth, o seu eco regresa para lembrarnos os nosos propios significados. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

A oferta lúdica complétase cunha exposición permanente durante todo o mes sobre a figura do poeta. Manuel Antonio. A rebeldía dunha sensibilidade colle como punto de partida a publicación da única obra en vida do poeta, De catro a catro. A exposición recolle tanto a súa obra orixinal como versións noutras linguas, estudios realizados da mesma, carteis, material fonográfico... A mostra pode visitarse na Biblioteca de Galicia ata o 31 de xullo de 10 a 20 horas, con entrada libre.

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 18 de Xuño de 2015