Recuperando o traxe tradicional real

Reflexar como vestían os nosos antepasados sen caer no folclorismo, na idealización e no romanticismo. Este é o obxectivo que centra o traballo de Belén Sáenz-Chas Díaz, responsable da colección do Museo do Pobo Galego, para a mostra Con-Fío en Galicia

En colaboración con Antón López e Manuel Rodríguez Calviño, Belén Sáenz-Chas tentou reflexar como vestía a sociedade galega –base da poboación do noso país- nos séculos XIX e principios do XX, recorrendo a coleccións e prendas de particulares, nun esforzo incomiable por fuxir das distorsións do que hoxe coñecemos como ‘traxe tradicional galego’ ou ‘traxe folclórico galego’.

Así, no andar 1 do Museo Centro Gaiás atopamos o traxe de Amelia Leis (Negreira, cara a 1870), no que podemos observar o dengue e o refaixo que vestía; ou o de Xenerosa Penabad (Muras, ca.1872), co dengue, o mantelo e mantillón orixinais do traxe que empregaba para ir a misa; así como o de Mercedes Seoane Seoane (Boimorto, ca.1875), de María Otero Pulleiro (O Romaño, Santiago de Compostela, ca.1890) ou o de Manuela Puente (Baloira, A Estrada, ca.1905). Xunto a estes conxuntos con nomes e apelidos, Con-Fío en Galicia ofrece diferentes modelos montados a partir de pezas de coleccións particulares que recrean o xeito de vestir de finais do século XIX e principios do XX. A maior parte das pezas expostas correspóndense con vestimenta feminina, xa que foi a que en maior medida chegou aos nosos días. Non obstante, a sección deseñada por Belén Sáenz-Chas conta tamén cunha coroza de xuncos e un traxe de pastor da primeira metade do século XX.

Con esta vestimental real, Con-Fío en Galicia pretende ser un primeiro paso na necesaria investigación da indumentaria galega. A falta de estudos provoca que a sociedade galega actual só coñeza a súa indumentaria histórica a través de escenografías folclorizadas. “O traxe folclorizado que hoxe vemos nos escenarios apenas ten que ver coa realidade da nosa sociedade do século XIX e do xeito de vestir das súas xentes”, explica Belén Sáenz-Chas no seu texto para o catálogo da exposición.

A orixe da folclorización do traxe galego

Paga a pena botar a vista a atrás e descubrir a orixe desta folclorización da indumentaria. Tal e como explica Belén Sáenz-Chas no catálogo de Con-Fío en Galicia, este fenómeno ten a súa orixe no século XVIII, cando a intelectualidade da Ilustración difundiu por toda Europa a idea de que a cada territorio lle correspondía un traxe diferente, único, uniforme e invariable. No caso de España, esta creación cultural tiña como obxectivo mudar a imaxe da sociedade española cara ao exterior, tentando que as clases populares cambiasen "o seu xeito de vestir ruín, pastrán e farrapeiro á vista dos modernos ilustrados". 

 

No século XIX, esta idea ilustrada da existencia dun traxe territorial vai ser retomada polo Romanticismo. E en Galicia polo Rexudirmento, que ademais da súa reivindicación lexítima do carácter de Galicia como nación con historia, lingua, territorio, cultura e conciencia colectiva de seu; retomará a idea ilustrada do traxe rexional. Un fenómeno que, non obstante, non deixa de ser curioso xa que serán as xentes da fidalguía e da burguesía as que comecen a “vertirse de galegos”, adoptando prendas que lles son alleas como dengues, mantelos, cofias e mandís, e dando lugar a esta versión idealizada da vida rural galega. A aparición dos primeiros coros e agrupacións folclóricas consolidarían esta vestimenta que, con algunhas modificacións, chegaron aos nosos días.

 
Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 20 de Abril de 2016
Con-fío en Galicia