Unha xornada no Gaiás: descubrindo a súa riqueza artística e natural
Longas sendas peonís e áreas de lecer agóchanse entre as árbores que acubillan as ladeiras do monte Gaiás. A primavera convida a achegarse ata o Bosque de Galicia para entrar en contacto coa natureza e camiñar devagar nun día solleiro. Ademais, as intervencións artísticas e paisaxísticas integradas nos espazos naturais do complexo contribúen a potenciar o diálogo entre medio e arquitectura, entre arte e natureza.
Iniciamos o noso percorrido nas zonas verdes do Bosque de Galicia, deténdonos a a admirar a privilexiada panorámica dende o alto do monte Gaiás. Entre as olladas curiosas de todo aquel que pasea ao seu redor atopamos as grandes estruturas de pedra que conforman a intervención do escultor cambadense Manolo Paz. Espellos proponnos unha perspectiva única e orixinal de contemplar a capital galega. Deste xeito, Paz convídanos a deternos para mirar dende estas fiestras de pedra unha Compostela diferente.
Integrados de cheo na contorna natural na que se sitúan, os Zapatos no Camiño de Francisco Leiro convértense en obxectos que establecen unha conversa coas persoas visitantes en diversos sentidos. Elaborados en granito, formigón e ferro, estas botas de peregrino simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido coa ollada posta no destino final: Compostela.
Xa no corazón da Cidade da Cultura atopamos as obras instaladas no marco do ciclo Reb/veladas na paisaxe. A experimentación e a creación contemporánea materialízanse nunhas pezas que agora engaden un novo valor cultural e de lecer á paisaxe do Gaiás, asimindo unha nova liña argumental, trazando un novo itinerario que vincula o marco natural, a cidade compostelá e as rutas de peregrinación. No Xardín Literario, moi preto da praza central, sitúanse as dúas creacións das que estamos a falar: Deixa aquí os teus medos de Alicia Framis e Metáforas: pegadas dun percorrido, de Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou.
Un encontro cos nosos temores e con nós mesmos... a escultura interactiva de Framis desafíanos e convídanos a desprendernos dos nosos medos depositándoos na abertura desta caixa de correos. Uns metros máis aló, as esculturas en cobre de Rey e Apostolou constitúen un testemuño físico da súa experiencia percorrendo as cinco rutas xacobeas. Os dous artistas rexistraron directamente sobre o bronce puntos de contacto coa contorna, dando como resultado unhas esculturas que semellan mapas topográficos.
Moi preto, o auditorio do Xardín do Teatro invítanos a facer un alto no camiño. Tras recuperar folgos, podemos pór fin á nosa ruta achegándonos a admirar o primeiro mapa científico de Galicia, elaborado polo xeógrafo Domingo Fontán, quen dá nome ao edificio que o custodia. Tamén podemos aproximarnos ao Museo Centro Gaiás para atopar na súa planta baixa, onde se exhibe de xeito permanente, unha das poucas testemuñas que se conservan en Galicia da produción muralística de Luís Seoane, un dos grandes renovadores da arte galega do século XX. Este gran mural fora realizado por Seoane na década dos 70 na Arxentina, por encargo de Isaac Díaz Pardo para a fábrica de Porcelanas de Magdalena que el mesmo fundara.
No mesmo vestíbulo principal do Museo exhíbese tamén outro mural doutro dos grandes nomes das nosas artes: Urbano Lugrís. Titulado Translación do corpo do Apóstolo a Santiago, esta obra de temática xacobea foi realizada por Lugrís para un sanatorio de Compostela, arredor de 1957, coincidindo coa súa época de maior esplendor artístico. Tras o peche desta instalación sanitaria, iniciará un periplo que o levará a un negocio hostaleiro e posteriormente a unha galería de arte, ata ser instalado no Museo Centro Gaiás en febreiro de 2023, tras un proceso de restauración para asegurar que poida ser exhibido nas mellores condicións de conservación.
Mapa do percorrido
