Novembro, Mes da Ciencia

A Biblioteca de Galicia dedicará novembro a celebrar o Mes da Ciencia, cunha serie de actividades que terán lugar os sábados e que nos permitirán achegarnos un pouco máis ao mundo do científico, máis alá da súa imaxe de señor de bata branca.

O programa de actividades do Mes da Ciencia comeza o sábado 5 de novembro cun obradoiro pensado para descubrir en familia un dos alimentos menos enxalzados: os legumes. Aproveitando que a ONU declarou o 2016 como Ano Internacional dos Legumesa Biblioteca de Galicia convídanos a realizar unha serie de actividades para coñecer as súas vantaxes nutricionais como identificar as diferentes leguminosas, descubrir as diferentes fases de xerminación e crecemento da planta ou facer unha pequena degustación de nuñas. Ao final do obradoiro, todos os participantes levarán un recordo para casa. 

O seguinte sábado, 12 de novembro, os protagonistas serán rapaces de entre 8 e 14 anos no marco do obradoiro Ti tamén podes facer divulgación científica! Con esta actividade, os participantes descubrirán que todos levamos un científico dentro e aprenderán a  a elaborar guións literarios e gráficos que nos permitan facer comprensibles os avances científicos a toda a sociedade.

A natureza, concretamente as especies invasoras, centrarán o obradoiro do sábado 22 de novembro: Que é iso das invasións biolóxicas? Imos explicalo entre todos. Pensado para rapaces de entre 8 e 14 anos e da man dun equipo de científicos especializados no estudo das causas e as consecuencias das invasións biolóxicas e uns artistas gráficos preparados para transformar esta información en imaxes, os participantes poderán aprender un pouco máis deste fenómeno que constitúe unha das principais causas da perda da biodiversidade en todo o planeta.

A celebración do Mes da Ciencia pecharase o 26 de novembro cun obradoiro de título moi suxerente: Sobrevivir unha apocalipse zombi con métodos do paleolítico, unha singular viaxe á Prehistoria na que se traballará coa tecnoloxía do pasado que non precisa de pilas, nin de wi-fi, nin de nada máis que as mans. O obradoiro está pensado para adolescentes -entre 12 e 18 anos-, que aprenderán a fabricar unha lanterna feita con sebo animal, corda vexetal e cunchas de moluscos.

Todas as actividades do Mes da Ciencia son de balde mais precisan de inscrición previa en cada un dos eventos creados en cidadedacultura.gal.

 

 

En familia
Santiago de Compostela, 18 de Outubro de 2016
Mes da Ciencia
 
Mes da Ciencia