Santiago del Espaldarazo, o santo que investía cabaleiros

A exposición Camiño. A orixe está chea de obras de arte, pezas históricas e obxectos de alto valor patrimonial. Pero máis alá da súa valía, moitas delas agochan historias insólitas, curiosas e, sobre todo, descoñecidas para o visitante, que ao longo dos meses que dure a mostra tentaremos descubrirvos.

Unha das pezas máis curiosas é, sen dúbida, o Santiago del Espaldarazo, unha figura articulada que segundo a tradición era utilizada para armar cabaleiros.

Custodiado na capela de Santiago do Real Monasterio de Las Huelgas de Burgos, o Santiago del Espaldarazo (figura anónima, século XIV) atópase na segunda parte da exposición Camiño. A orixe centrada no Camiño (andar 2 do Museo Centro Gaiás), onde o visitante pode descubrir o inicio da rede viaria e das estruturas de apoio aos peregrinos por parte da monarquía e das institucións relixiosas. 

Durante a Idade Media, no Real Monasterio de Las Huelgas de Burgos levábanse a cabo ceremonias tan importantes como as de coronar reis, como Alfonso XI ou o seu fillo Enrique II de Trastámara, e nomear cabaleiros reais. 

A figura do Santiago confeccionouse de forma articulada para que na cerimonia de armar cabaleiros aos reis fose o Santo quen lles dese o espaldarazo e non outro cabaleiro súbdito do monarca, pois segundo as normas de cabalería medieval, tan só un superior podía armar a un aspirante. A conclusión foi que só o Apóstolo podía facelo. 

Aínda que a cerimonia estaba deseñada inicialmente para os membros da monarquía, posteriormente ampliouse o seu uso e empregouse tamén para nomear cabaleiros da Orde de Santiago.

Pero a figura do Santiago del Espaldarazo aínda garda outro segredo. Durante os traballos de restauración da talla por parte de Patrimonio Nacional, descubriuse que as súas proporcións  e faccións da cara eran femininas; que a barba non estaba tallada senón que foi engadida cunha mestura de xeso, cola animal e estopa; que a ollada fora rectificada; e un dos brazos substituidos por un máis rudo e masculino. A conclusión foi clara. A talla cambiou o seu destino orixinal e pasou de ser unha Virxe María con Neno para pasar a ser este singular Apóstolo que outorga a investidura de armas.

 
Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 14 de Abril de 2015