Canto hai que non ves as estrelas?

Este verán, tes unha oportunidade única de mirar ao ceo e descubrir a súa maxia agochada polas luces de neón. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, non perdas de vir ás sesións de observación nos espazos exteriores do Gaiás. Canto hai que non ves as estrelas?

Este fin de semana, temos dúas propostas para descubrir a Cidade da Cultura dun xeito diferente. O venres, no marco do programa Visitar, os espazos exteriores do Gaiás acollerán a primeira das dez sesión de observación guiadas por expertos onde aprendermos a identificar constelacións co planisferio; e contemplaremos planetas, estrelas dobres, nebulosas, galaxias ou a lúa facendo uso de telescopios. Coa axuda dos profesores do Observatorio Ramón María Aller, que nos facilitarán información sobre os obxectos a observar, datos científicos, mitoloxía, anécdotas, etc, viviremos unhas horas máxicas nas que gozar das noites de verán e interpretar o universo desde un lugar emblemático.

E todos os domingos do mes de xullo, poderás coñecer os secretos agochados na Cidade da Cultura da man de ilusionistas e magos, que transformarán a túa visita nunha viaxe chea de aventuras ao mundo do coñecemento e da arte. Guiados polo misterioso presentador de circo François Lafayette, percorreremos un itinerario onde atoparemos aos magos Vituco, Martín Camiña ou Romarís, que nos sorprenderán con números de escapismo, levitación ou multiplicación de obxectos.

Este verán, a maxia e a ilusión agardan por ti na Cidade da Cultura. Non as deixes escapar.

Datas e horarios
Astronomía
Xullo: 1, 8, 22, 29 (de 23.00h a 01.00h)
Agosto. 5, 12 , 19 e 26 (de 22.30h a 00.30h)
Setembro: 2, 9 (de 22.30h a 00.30h)

Visitas Máxicas ao Gaiás
3, 10, 17, 24 de xullo, 12.00h e 18.00h

Lembra que xa podes reservar praza na web

Visitas e Accións divulgativas
Santiago de Compostela, 29 de Xuño de 2011