O Gaiás convértese nunha Cidade Imaxinaria chea de circo, xogos e cor

Pulgas acróbatas, pompas de xabón xigantes, zeppelins, labirintos, zancudos, pallasos, malabaristas…  Todo un “exército” de artistas volverá desembarcar no Gaiás o vindeiro sábado 25 de agosto para celebrar un festival cheo de espectáculos ao aire libre para toda a familia: a Cidade Imaxinaria. Con actividades  totalmente de balde, de 11:30 a 21:30, o Gaiás volverá ao mundo máxico do circo, ao balbordo das feiras de principios de século e aos inventos e ilusións ópticas nun ambiente cheo de cor, humor e música na que gozar grandes e pequenos.

Xunto a zancudos, pallasos, equilibristas e malabaristas, os asistentes a Cidade Imaxinaria poderán perderse nun Garabato de xogos formado por ata trinta xogos elaborados con materiais reciclados; nun Labirinto cheo de cruces, atallos e enigmas; ou entre os inventos máxicos, as caixas misteriosas e os espellos de doble visión da Feira dos Imposibles. O Gaiás acollerá tamén novidosos espectáculos para toda a familia como os dos charlatáns Irmáns Ficante e o seu tónico milagreiro co que os obxectos cobran vida; a viaxe a bordo do Zeppelin con Messieur  Bocamoll, Marcelo o inventor mecánico e Ursus, o valiente piloto acróbata; ou o Circo de pulgas do Señor Pérez e a súa troupe , que fará gozar ao público coas súas acrobacias e as súas asombrosas cualidades.

O teatro tamén estará presente nesta Cidade Imaxinaria a cargo de tres Trogloditas e duns aloucados monicreques e das súas primitivas habilidades, cos que o público coñecerá a singular forma de vida dos nosos antepasados máis divertidos no interior dunha cova. Ademais, o xenial Pep Bou chegará ao Gaiás co seu espectáculo de Burbullas á carta, pompas de xabón que seducirán e sorprenderán ao público pola súa delicadeza e espectacularidade. E do teatro á gran pantalla porque os pequenos cinéfilos terán o seu espazo na Caixiña dos mistos, unha caravana moi especial reconvertida en sala itinerante onde proxectar peliculiñas de curta duración.

Un amplo abano de actividades que darán vida a unha Cidade Imaxinaria que contará con obradoiros para nenos e adultos, ludoteca para bebés, espectáculos itinerantes, música en directo e, sobre todo, moita diversión.

En familia
Santiago de Compostela, 01 de Agosto de 2012
A Cidade Imaxinaria 2011

Comentarios