Este Nadal celébrao en familia na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura quere desexarlle a todos os galegos un Bo Nadal cun programa de actividades especialmente deseñado para pasar estas datas en familia… e no alto do Gaiás. Maxia, xogos e música protagonizarán do 26 de decembro ao 4 de xaneiro a programación do complexo, con actuacións de balde coas que poderán gozar tanto grandes coma pequenos.

A maxia encherá o Museo de Galicia grazas ás visitas guiadas nas que magos e ilusionistas descubrirán todos os segredos que agocha o edificio. Unha oportunidade única para que os pequenos gocen da arquitectura a través dunha auténtica viaxe de aventuras que terá lugar do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro en dúas quendas: 12:00 e 18:00 horas. O número de prazas para participar nas Visitas Máxicas ao Museo está limitado a 30 por visita e a entrada é de balde, previa inscrición en www.cidadedacultura.org a partir do vindeiro luns, 12 de decembro.

A diversión tamén estará asegurada ao cento por cento nos Obradoiros de Xoguetes Musicais, actividade dirixida a maiores de seis anos que conxuga tradición, música e, por suposto, gañas de pasalo ben. Nestes obradoiros, nenos e adultos aprenderán a confeccionar e tocar sinxelas instrumentos vencellados á cultura popular galega. Con materiais tan común como o fío de pescar, noces, avelás e canas, nenos e adultos poderán confeccionar o mirlitón de cana, o asubío de avelá, o carrizo de noz e de cana, o reque-reque, a castañola de cana ou a gaita de cana seguindo as instruccións do músico e mestre Oli Xiráldez. Os obradoiros terán lugar do 27 ao 29 de decembro en dúas quendas: 11:00 e 13:00 horas, duns 60 minutos de duración. O número de prazas está limitado a trinta, tanto pequenos como adultos, e para participar só é preciso apuntarse en www.cidadedacultura.org dende hoxe mesmo.

E sen deixar a música, o 2012 comezará no Gaiás a bo ritmo. O 3 de xaneiro, cinco das bandas pop-indie máis destacadas do momento adaptarán o seu repertorio a un formato máis íntimo nun concerto moi especial no que o prezo da entrada será un regalo. Menhai, La Familia, Jane Joyd, Alondra Bentley e Abraham Boba serán os protagonistas da segunda edición de Cancións por Regalos, coa que os máis pequenos descubrirán a música alternativa en compañía dos seus pais. Unha iniciativa redonda na que todos gañan, xa que mentres ti levas para casa unhas cantas cancións para o recordo, aqueles que máis o necesiten terán unha sorpresa o Día de Reis: o regalo que ti elixas como entrada.

Para que este Nadal quede no recordo, a Cidade da Cultura ofrece ademais a posibilidade de que ti te convertas no protagonista das túas propias postais. Así, todos os participantes nalgunha destas tres actividades poderán facerse unha fotografía nun decorado natalicio especialmente deseñado para a ocasión que posteriormente se poderá descargar libremente en www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia e compartilo con todos os amigos e seres queridos.

En familia
Santiago de Compostela, 08 de Decembro de 2011