Escenas do Cambio | A alegoría da memoria histórica

Light years away de Edurne Rubio —obra coa que Escenas do Cambio retoma este xoves, día 8, a programación da súa derradeira semana— ben podería ser considerada como unha reinterpretación da alegoría da caverna de Platón. Nela, o filósofo grego definía o mundo exterior fóra da cova como o das 'Ideas'; aquel da auténtica realidade. Polo contra, o que se vía nas profundidades (sombras de obxectos proxectados) era o mundo do 'sensible', do que criamos estar a ver e, polo tanto, era propio desta esfera: o ámbito da opinión, variable e mutable.

Na obra desta artista burgalesa, que sitúa a escena no tardo franquismo do século pasado, a caverna de Platón dá un xiro de 180 graos e o que sucede baixo terra ten máis verdade e autencidade ca ficción exterior que se proxecta a través das lentes distorsionadas da censura e da represión, aínda presentes.

Edurne Rubio trae a Escenas do Cambio a historia da súa familia, que pertenceu ao coñecido Grupo de Espeleología Edelweiss, pero tamén trae un orixinal e singular xeito de somerxernos na España da época para, nesa viaxe á cova, recuperar e manter viva a memoria propia e tamén a memoria colectiva.

Para este descenso á caverna, o Teatro Principal de Santiago converterase nunha auténtica cova. Deste xeito, os espectadores sentiranse verdadeiros espeleólogos (canto menos durante a función), que acompañan o relato nesta baixada ás profundidades da historia do pai e dos tíos de Edurne Rubio que —dentro das particularidades de ter sido espeleólogos— tamén representan o relato de toda unha xeración.

 A COVA, O REFUXIO DA CENSURA

Precisamente, co gallo de ter visto esta obra de Edurne Rubio, un dos integrantes do Grupo de Espeleolgía Edelweis, Pere Plana Panyart, lembraba no seu blog (http://bibliop3.blogspot.com.es/2016/10/2016-light-years-away-de-edurne-...)  como neses anos 70 boa parte dos que constitúan este grupo devecían e esperazaban un cambio político. 

E mentres agardaban, a cova convertíase, por moitos momentos, nun refuxio que lles permitiu coñecer xente ideoloxicamente coincidente e coa que podían falar abertamente de cuestións que arriba, no que Plantón definiría como o 'mundo das ideas', lles era imposible abordar. Na cova desafogábanse e liberábanse das ataduras (ao contrario que as persoas encadeadas da caverna da alegoría de Platón) da represión: incluso simplemente cantando cancións que a censura aínda se lle antollaban subversivas.

Conta neste blog sobre o Grupo de Espeleolgía Edelwis que a inquietude e as ganas de coñecer o que acontecía en países cunha realidade política, que daquela admiraban, levoulles a unha parte deles a realizar un experimento, felicitarlle as Pascuas a Fidel Castro. Xa tiñan esquecida a postal remitida en decembro de 1971 cando, a mediados do mes de xullo de 1972, chegáronlles dous paquetes procedentes de La Hababa con 25 fascículos dun pasado 'Simposio XXX Aniversario da Sociedad Espeleológica de Cuba'. A parte de realizar unha viaxe lenta, pasaran algún tempo retidos na aduana de Santander, pero finalmente chegaron ao seu destino.

Haberá que esperar a descubrir se no relato deste xoves en Escenas de Cambio Edurne Rubio inclúe estas singulares anécdotas ou outras ben distintas. Do que si se pode ter certeza é que, nesta caverna, a luz que ilumine os obxectos virá dunha lanterna e non dunha fogueira, a ver se así é máis nítida a lectura das sombras da memoria.

Santiago de Compostela, 06 de Febreiro de 2018