Factoría de Cronopios no Gaiás

"Un cronopio é un debuxo fóra da marxe, un poema sen rimas". Así o definiu Julio Cortázar (Ixelles, Bruxelas, Bélxica, 26 de agosto de 1914-París, 12 de febreiro de 1984), dramaturgo, ensaista, poeta, novelista e mestre do relato curto, de quen este ano celebramos o centenario do seu nacemento e o trinta aniversario da súa morte.

Coincidindo con esta dobre celebración, setembro será o mes de Cortázar na Biblioteca de Galicia, que busca dar a coñecer entre os máis pequenos a súa figura a través do seu mundo onírico e as súas emocións da man de dúas actividades nas que profundar na obra dunha das persoas máis destacadas da literatura universal ao tempo que se fomenta a creatividade e o amor pola lectura.

Durante o mes de setembro, a Biblioteca de Galicia instalará nos seus espazos unha auténtica Factoría de Cronopios, eses personaxes fabulosos ideados por Cortázar, que os nenos irán dando forma coas súas mans... e a súa imaxinación. Como? Do 1 ao 4 de setembro, no Obradoiro de Sombras chinesas, onde nenos maiores de 8 anos poderán construír o seu propio teatro de sombras e os seus protagonistas. Unha vez construídos, os cronopios, manipulados polos nenos, porán en escena pequenas situacións inspiradas nos contos de Julio Cortázar. E do 22 ao 25 de setembro, no Obradoiro de cabezudos, onde nenos a partir de 6 anos crearán os seus 'cronopios-cabezudos' con cartón e papel. Os dous obradoiros son de balde mais é preciso reservar praza previamente.

En familia
Santiago de Compostela, 06 de Agosto de 2014