O pop de Lacrosse e a poesía de Carlos Caneiro, en Atardecer no Gaiás

A poesía de Carlos Caneiro, o pop de Lacrosse e o jazz de Fernández / Salgueiro / Fixel inauguran o ciclo Atardecer no Gaiás.

Todos os xoves, venres e sábados, do 14 de xullo ao 10 de setembro, a partir das 21.00h, o ciclo Atardecer no Gaiás converterá a praza da Cidade da Cultura no escenario perfecto para gozar das anoitecidas de verán mentres escoitas concertos de pop, jazz, música clásica, electrónica ou brasileira, espectáculos poéticos ou relatos de contacontos.

Pola Cidade da Cultura pasarán bandas de pop como Lacrosse, Le Corps Mince de Françoise, Klaus & Kinski; poetas como Carlos Caneiro e Yolanda Castaño; formacións clásicas como Chelicia ou Ensemble Galante… Tamén haberá oco para os sons brasileiros da man de Najla Shami e Serginho Sales ou para o jazz co trío Fernández / Salgueiro / Fixel.

Atardecer no Gaiás arranca este xoves coa poesía de Carlos Caneiro, que presentará xunto ao guitarrista Xosé Manuel Salgado Camiño de Amor e Lúa.

E o venres, os suecos Lacrosse encherán o Gaiás co seu pop alegre e vitalista. Se aínda non os coñeces, non perdas de escoitar o directo desta banda que seguro que vai dar que falar. Con tan só dous discos, This New Year Will Be For You And Me e Bandages For The Heart, os de Estocolmo xa gañaron os eloxios da mismísima Pitchfork.

O sábado, será a quenda do jazz da man do trío Fernández / Salgueiro / Fixel, que poñerán a banda sonora a un dos momentos máis fermosos do día cos seus temas de jazz tradicional.
O escenario: a praza da Cidade da Cultura e o sol caendo sobre Compostela. De fondo, a música, a poesía, e vós, a nosa mellor compaña para gozar da maxia do lusco e fusco. Viredes, non?

Música & Escena
Santiago de Compostela, 13 de Xullo de 2011