‘Arnoia, Arnoia' toma forma de videoxogo nas Residencias Artísticas do Gaiás

A Residencia COMTECART de creación dixital remata esta fin de semana no Gaiás logo dun mes de intenso traballo no que nove estudantes da Universidade de Vigo traballaron de maneira conxunta no deseño dunha nova proposta de videoxogo inspirado na novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Unha experiencia pioneira impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura e a Universidade de Vigo, no marco da segunda edición das Residencias Artísticas do Gaias (REGA).

Conxugar diferentes perfís profesionais e creativos, ofrecer unha experiencia próxima ao traballo real na industria dos videoxogos e promover o intercambio entre disciplinas artísticas son os obxectivos desta nova residencia coa que a Cidade da Cultura amplía este ano seu programa de apoio á creación cultural.

As nove alumnas e alumnos da UVigo, procedentes de cinco titulacións diferentes e dos tres campus da universidade, desenvolven o seu traballo no Gaiás organizados en tres áreas: deseño, ilustración e arte, e programación e intelixencia artificial, “como se fosen tres departamentos dunha produtora, que deben coordinarse para desenvolver un proxecto único”, sinala Beatriz Legerén, unha das profesoras responsables desta iniciativa xunto cos tamén integrantes do grupo de innovación educativa COMTECART —do que toma o seu nome a residencia— Antonio Pena, Enrique Costa e Luis Fernández. Unha experiencia “moi inmersiva” da que destaca o “bo ambiente de traballo” xerado entre un grupo de estudantes que non se coñecían previamente.

Narrativa, arte e tecnoloxía en equipo

Nicolás Juncal, alumno do Grao en Comunicación Audiovisual e coordinador da área de deseño, coincide en que “está a ser unha experiencia incrible”, porque aínda que os nove comparten a mesma afección polos xogos, os seus gustos varían, “de modo que todo o mundo achega sempre algo novo”. No seu equipo comparte traballo con Paula Balea, e encárganse de “escribir o guión literario e os diálogos, deseñar a narrativa da historia e coordinar os outros departamentos”, explica. Do resto de compañeiras e compañeiros pon en valor especialmente tanto o “dominio impresionante” do motor gráfico Unity do equipo de programación, como a capacidade de “plasmar a perfección as ideas que temos na nosa cabeza para os aspectos físicos das personaxes e contornas” do equipo de arte.

Neste último exerce como voceiro e coordinador Yuri Salgado, graduado en Belas Artes. A súa área, na que tamén están Sofía Neira e Paula Martínez, céntrase na parte estética do xogo, desde definir a paleta de cores que empregarán ata crear os bocexos das personaxes, as texturas e, en definitiva, trasladar as palabras coas que Méndez Ferrín describe o mundo máxico de Arnoia, Arnoia a un escenario de videoxogo. “Sorprendeume para ben o marabilloso mundo que creara. En poucas páxinas, fala de xigantes, mineiros e lendas escuras que poderían destruír toda unha civilización”, salienta Salgado desta obra.

 

En paralelo ao desenvolvemento da parte gráfica traballa a área de programación, que coordina Eloi Pena e na que participan ademais Paula González, Cristina Lavadores e Samuel Rodríguez. Nas súas pantallas vemos tanto liñas de código como formas xeométricas en movemento, unha sorte de esqueleto sobre o que máis adiante se aplicarán os deseños e a arte do xogo. Eles son tamén os responsables de dar vida ás personaxes, así como de establecer a física dos obxectos e dos escenarios para que aquelas poidan interactuar con eles sen erros. Un mal cálculo pode chegar a supor un atranco importante para o xogo, polo que o seu traballo é minucioso e revisado constantemente por todo o equipo para detectar calquera problema e solucionalo en tempo.

 

Unha experiencia enriquecedora e desafiante

As cinco intensas fins de semana da Residencia COMTECART chegan o día 3 de abril á súa fin, pero o equipo seguirá afinando o xogo máis aló da estadía no Gaiás co obxectivo de presentar o resultado ao público da mellor forma posible. Á hora de valorar o seu paso pola Cidade da Cultura, os tres voceiros do equipo coinciden en destacar o bo ambiente que se creou, a enriquecedora comunicación interdisciplinar e o desafiante dunha experiencia que lles achega un pouco máis as súas aspiracións de dedicarse profesionalmente ao desenvolvemento de videoxogos

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 31 de Marzo de 2022