As olladas de Nicolás Muller en 'Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra'

As engurras marcadas polo vento dun pescador da Póvoa de Varzim. A descarga do sal nos peiraos do Porto. Tres persoas anónimas da vila. Como viaxeiros no tempo, óllanos desde máis de 80 anos, retratados pola lente do reporteiro Nicolás Muller.

Considerado un dos documentalistas máis destacados do pasado século, Muller chegou a Portugal en 1939 cun encargo para a revista France Magazine. Pese a ter que fuxir pouco despois, tras ser encarcerado pola ditadura de Salazar, a súa curta estancia deixounos imaxes das xentes humildes do mar e da vila, das mulleres, dos nenos e nenas... retratadas co humanismo e sensibilidade características do fotógrafo húngaro.

Algunhas delas podes atopalas en O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, unha mostra que percorre esta ruta xacobea ao longo de século e medio de historia da fotografía, convidándonos a reflexionar sobre o que o tempo devora, o que permanece inmutable e o que se transforma. 

Comisariada por Lucía Laín, podes visitala ata o 17 de abril no terceiro andar do Museo Centro Gaiás.

Pés de foto:

  • Nicolás Muller. 'Pescador', Póvoa de Varzim. Porto, 1939. Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. Colección Ana Muller
  • Nicolás Muller. 'Descargando sal'. Porto, 1939. Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. Colección Ana Muller
  • Nicolás Muller. 'Tres persoas'. Porto, 1939. Archivo Regional de la Comunidad de Madrid. Colección Ana Muller
Santiago de Compostela, 12 de Xaneiro de 2022