Se non vas a un festival, vén ao Gaiás falar del

De cine, de teatro, de literatura, de música, de cómic, infantís... Son os festivais, esa cita anual co que máis nos gusta e á que non podemos renunciar. Se esta fin de semana non tes plans para asistir a ningún, desde a Cidade da Cultura convidámoste a subir ata o Gaiás e falar deles.

Con quen? Cos responsables dos festivais máis prestixiosos do mundo como o de Edimburgo, Aviñón, Mérida, La Mar de Músicas ou Hay Festival. Cando? Desde este venres, 15 de novembro, ás 16:30 horas e toda a xornada do sábado. Onde? No marco do III Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) que terá lugar no Centro de Innovación Cultural do Gaiás.

Baixo o título A revolución dos festivais artísticos, o III FIEC analizará o impacto que están a ter os grandes festivais artísticos no panorama cultural con Sir Jonathan Mills, director do Festival Internacional de Edimburgo; Hortense Archambault, co-directora do Festival de Aviñón; Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro de Mérida; Francisco Martín, director de La Mar de Músicas ou María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest.

Baixo a óptica galega

Xunto a eles, o Gaiás conta coa presenza de responsables de festivais galegos, programadores e responsables de organismos da nosa comunidade como Andrés Lacasa, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; María Solar Núñez, xornalista da CRTVG; Julio Gómez, director do Festival Sinsal Audio; e Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego.

Coa súa presenza, o Gaiás  busca promover en Galicia un debate ao redor do impacto dos festivais tanto na vida cultural, como a súa capacidade para transformar pequenas vilas en espazos de creación e tamén o seu importante impacto económico. Os modelos de xestión en momentos de crise económica, a evolución dos gustos e as audiencias ou a transformación que sofren as cidades ou vilas que acollen os festivais serán algúns dos temas que abordarán os expertos convidados.

A modo de presentación, o FIEC contará cunha conferencia inaugural ás 17:00 horas co produtor David Binder, catro veces nominado aos premios Tony e responsable de grandes eventos como o New Island Festival (dez días de teatro, danza, música e arte visual holandés en Nova York) ou o The High Line Festival, festival de música comisariado por David Bowie e no que actuaron entre outros Arcade Fire ou Ricky Gervais.

O Gaiás convértese así nunha ponte para incorporar ao noso tecido cultural as novas tendencias da escena internacional ao tempo que contribúe a divulgar a nosa cultura no exterior, favorecendo o intercambio e o establecemento de sinerxías.

Últimas prazas

Así que xa sabedes, se non tedes ningún plan para ir de festival, o Gaiás ofrécevos un moi completo. (A entrada ao III FIEC ten un custo de 50€ para profesionais e de 30€ para estudantes. As últimas prazas poderán adquirirse na billeteira antes do inicio do FIEC).

 

Santiago de Compostela, 14 de Novembro de 2013