Achegarse ás formas de crear arte contemporánea en Galicia desde a conversa como fonte de coñecemento

Series improbábeis de encontros encontrados é o nome final da proposta que Manuela Pereira está a desenvolver nas residencias artísticas do Gaiás. Un proxecto de investigación que se traducirá nunha serie audiovisual centrada en conversas entre artistas galegos cos que achegarse “desde certa intimidade e rigor” ao seu traballo e formas de crear. “Penso que hai poucos espazos para falar das prácticas artísticas, especialmente nas institucións e na academia”, explica ao falar das orixes da iniciativa, “e paréceme interesante propiciar encontros entre persoas de distintas xeracións e disciplinas, que permitan compartir bagaxes, coñecementos e mesmo anécdotas”.

Reivindicar a conversa informal “como fonte de coñecemento” e facer máis accesible a arte contemporánea ao público xeral, con especial atención ás artes plásticas e visuais, son dous dos obxectivos desta serie. Porque Manuela considera que de ter os espazos e recursos necesarios “poderían chegar a gustar tanto como o cinema ou a música”. Poñer en diálogo perfís de creadoras e creadores “que de primeiras poden parecer que non teñen moito que ver” é tamén unha estratexia para que do intercambio poidan nacer novas preguntas, relacións inesperadas e mesmo desacordos que leven a ampliar perspectivas.

Nesta primeira etapa da residencia, antes de comezar as gravacións, atópase inmersa na elaboración dun caderno de investigación ao redor das conversa e do lugar que ocupa esta na cultura e na historia da arte. A partir de lecturas e materiais foron xurdindo reflexións que decidiu lanzar tamén a un diálogo con distintas figuras do ámbito cultural galego, como Xiana Arias. “Interesábame falar con ela tanto pola súa experiencia como xornalista, como poeta, e desde unha linguaxe de amiga”.

A estas interlocutoras súmase a comisaria e crítica de arte Natalia Poncela, “penso que unha parte fundamental do traballo curatorial é saber conversar, e polo tanto, escoitar. Parecíame importante preguntarlle sobre isto”. Unha disposición que atopa continuidade nas palabras da filóloga Raquel F. Cobo: “Estou atenta a ti porque me importa a túa palabra. Porque a túa palabra faite a ti”.

Entre o previsto e o inesperado

Canto hai de guión e canto de intuición nunha entrevista? Como é a axencia da persoa entrevistada durante o seu desenvolvemento? Ata que punto é posible preparar un encontro sen condicionalo? Estas son algunhas das preguntas ás que se foi achegando para dar forma a ese “caderniño de investigación” no que reúne referencias históricas, episodios e reflexións ao redor da oralidade, a entrevista e as circunstancias nas que se produce e circula o coñecemento artístico.

Unha boa preparación previa, propiciar conversas en espazos de confianza e desenvolver unha escoita activa, deixando lugar á anécdota son aspectos fundamentais que pensa trasladar á gravación dos encontros entre artistas. Entre as referencias reunidas, destaca unha reflexión de Ursula K. Le Guin en Conversaciones sobre la escritura: “Unha boa entrevista é coma un bo partido de bádminton; enseguida daste conta de que podes manter a pluma no aire e o único que que tes que facer é vela voar”. Desde aí, Manuela está a pensar a conversa como un encontro “que permita pensar en compañía, sen necesidade de anticipar as respostas nin de chegar a conclusións previamente establecidas”.

No mes de novembro arrancará a primeira gravación, con David Silva detrás da cámara. Ademais, o proxecto conta coa colaboración das artistas Julia Huete e Begoña García Alén no deseño da imaxe gráfica.

Sobre o futuro do proxecto máis aló da residencia, Manuela confía en captar novos recursos para completar o resto de episodios, movelos a través das redes sociais e facer unha web que funcione como arquivo das conversas e materiais que as acompañen.

Santiago de Compostela, 23 de Outubro de 2026