José Suárez revélase sobre un veo de 18 metros de altura creado por Alfonso Penela

Unha atmosfera envolvente, un telón que se estende ata o infinito, unhas imaxes que xorden ante a ollada do espectador. Este é o escenario que o arquitecto Alfonso Penela está a construír no Museo Centro Gaiás para José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, exposición comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón que poderá visitarse na Cidade da Cultura desde este venres, 13 de novembro, ata o 27 de marzo de 2016.

Alfonso Penela, referencia da arquitectura galega contemporánea, buscou para esta montaxe expositiva crear algo único, partindo da idea de que un museo debe ser algo vivo, en continua transformación. A obra de Penela xoga cos volumes, coas calidades dos materiais e a manipulación de luces e sombras. Tres claves moi presentes neste deseño de montaxe, no que que as fotografías en branco e negro de José Suárez son as protagonistas e o Museo Centro Gaiás as envolve.

Un telón branco de 18 metros de altura recibe o visitante e convídao a seguir un itinerario non evidente, no que a estrutura se requebra, acompañando a cada un dos bloques temáticos da mostra. O telón transfórmase así nun gran veo, delicado e livián, que se estende ata o infinito a modo de carrete fotográfico. E sobre el, xorden as imaxes. Como un positivado nun laboratorio fotográfico, o material branco actívase coa luz e o espectador recibe unha primeira sensación de imaxe. A partir de aí, todo queda disposto para que o visitante disfrute con cada unha das 206 fotografías tomadas por José Suárez ao longo da súa dilatada traxectoria. 

A exposición complétase cunha cristalografía sen base, na que poder contemplar os 150 obxectos persoais, agasallos e documentos que ofrecen a parte máis persoal do fotógrafo de Allariz. E remata cunhas proxeccións nas que a imaxe volve xurdir, pechando así a idea de partida: a de xogar co positivado, coa fotografía como elemento que xorde do proceso de inversión, co negativo-positivo.

Con este deseño de montaxe, Alfonso Penela pretende que os visitantes que se acheguen ao Museo Centro Gaiás vexan a arquitectura como un vehículo para gozar da arte e da cultura. “Quero construír un recordo que quede na retina e que proporcione unha experiencia agradable”. Este é o seu desexo e esta é a nosa invitación.

* As fotos da montaxe son de Manuel G. Vicente.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 11 de Novembro de 2015
 
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
Montaxe 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'