Castillo, escultor | Bronce, ferro, arxila

A escultura de Jorge Castillo inventa novas formas coas que explicar o desasosego e afondar na natureza humana. Malia ser a súa faceta máis descoñecida, o traballo escultórico é unha constante ao longo das súas seis décadas de traxectoria creadora, nas que entrou en contacto con figuras da arte como Giacometti ou Raquel Forner e a súa obra pasou a integrar coleccións tan prestixiosas coma as do San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York, ou a Nationalgalerie de Berlín.

Neste vídeo elaborado por Miramemira podedes ver un petisco da mostra Castillo, escultor, comisariada por Pilar Corredoira e unha oportunidade única para afondar na obra dun dos artistas galegos cunha traxectoria máis consolidada e recoñecida internacionalmente: unha das figuras máis destacadas das artes plásticas galegas do último século, aínda en activo e con seis décadas de traballo ás súas costas. Esta primeira exposición monográfica que afonde na súa faceta escultórica reúne un conxunto de 120 obras, a meirande parte inéditas, que percorren toda a traxectoria do artista e permiten mergullarse no seu rico e singular universo creativo.

Santiago de Compostela, 12 de Xaneiro de 2022