Rem Koolhaas

Rem Koolhaas estudou arquitectura en Londres, despois de exercer como xornalista do Haagse Post de Ámsterdam e como escenógrafo para películas. Posteriormente traballou durante uns anos en Nova York, ao tempo que escribiu un ensaio sobre o impacto da cultura metropolitana na arquitectura.

En 1975 crea, xunto con Elia e Zoe Zenghelis e Madelon Vriesendorp, a Office for Metropolitan Architecture (OMA), un estudio dende o que tratou de definir os novos tipos de relacións entre a arquitectura e a situación cultural contemporánea. Paralelamente impulsaba a Fundación Grosztadt para coordinar as actividades culturais da OMA.

Premio Pritzker de Arquitectura, entre os proxectos de Koolhaas cabe nomear a extensión do Parlamento da Haia, a nova cidade de Melum-Senart, a Biblioteca de Francia ou o Centro de Arte e Técnicas da Comunicación de Karlsruhe.

OMA  [www]

 

Proposta para a Cidade da Cultura

 

As institucións culturais de Galicia concéntranse nun mesmo lugar, entre dúas estradas. O lugar escollido é o hábitat do Grande e do Sublime. Prevese a regularidade ou, cando menos, unha relación lineal entre as institucións –e entre elas e a natureza– para evitar calquera xerarquía entre as diferentes institucións. En termos programáticos, todas as institucións poden relacionarse coa natureza da mesma maneira, coa única excepción do elemento natural da auga que se recolle nun estanque.

Fortalécese unha contigüidade formal entre as institucións e a natureza, ao rodear o cumio de tal maneira que a superficie do monte é igual á cantidade de metros cadrados esixidos polas institucións. No canto de colocar 60.000 metros cadrados de programa enriba dunha paisaxe dez veces máis extensa, créase así un equilibrio.

Resérvase tanto o teito coma o outeiro como aparcadoiro de coches.

Xa que o outeiro da montaña e o anel construído están xuntos, con distancias visuais curtas, o sublime da montaña vén salientar a súa calidade de agreste e manter a monocromía das súas rochas no conxunto das estradas, os aparcadoiros e a natureza. Chégase á complexidade do sublime no seu círculo interior, a través dunha dobre cristalización: o círculo faise polígono e a fachada de cristal convértese nunha filigrana aínda máis poligonal, seguindo así o pensamento de Eugene Emmanuel Viollet-le Duc polo que, a través do proceso de cristalización, tanto as montañas coma os edificios, e mesmo o globo terráqueo, son da mesma arquitectura.

As estradas cara ao outeiro da montaña cruzan o edificio parcialmente e, ás veces, enriquecen os programas das institucións.