Síguenos na #MuseumWeek2018! Sete hashtag para coñecernos un chisco máis

Do 23 ao 29 de abril a Cidade da Cultura de Galicia volve participar, e por cuarto ano consecutivo, na #MuseumWeek. Trátase da gran festa dos Museos en Twitter, onde se dan cita durante unha semana, e baixo unha temática por día, un milleiro de museos de todo o mundo (o Museo Centro Gaiás incluído!) para conversar e amosarlles aos seus usuarios e usuarias a actividade que acollen ou celebran baixo sete etiquetas.

Esta edición céntrase en amosar a tolerancia e a vida en sociedade destas institucións, aínda que segue a estrutura doutros anos e cada día a #MuseumWeek propón un hashtag sobre o que internautas, creadores/ as, artistas e museos poden conversar en Twitter en @MuseumWeek (#MuseumWeek). Contamos con vós para que volvades seguirnos este ano, pero cos seguintes cancelos:

  • Luns 23: #womenMW
  • Martes 24: #cityMW
  • Mércores 25: #heritageMW
  • Xoves 26: #professionsMW
  • Venres 27: #kidsMW
  • Sábado 28: #natureMW
  • Domingo 29: #differenceMW

 

Luns, 23: #womenMW. Sabiades que todos os cargos de responsabilidade das institucións que existen e acolle a Cidade da Cultura están desempeñados por mulleres? a Xerencia da Cidade da Cultura, a Dirección de Acción Cultural da CdC, o Centro de Emprendemento, o Arquivo de Galicia, a Biblioteca de Galicia e Amtega. Destes e doutros datos en feminino darémosvos boa conta o primeiro día da #MuseumWeek2018, estade atentas e atentos!

Martes, 24: #cityMW. A Cidade da Cultura de Galicia está integrada na vida de Santiago de Compostela, a capital de Galicia, co seu medio milleiro de actividades anuais abertas ao público, ademais de que se conecta cos seus espazos verdes e sendeiros co mesmo barrio de Sar e Fontiñas, tan propios e carismáticos da vida compostelá. De igual xeito, a Cidade da Cultura constitúe per se unha pequena micro urbe coas actividades, empresas e institucións que se concentran no cumio do Monte Gaiás.

Mércores, 25: #heritageMW. A Cidade da Cultura é en si mesma, na súa construción arquitectónica por Peter Eisenmen, unha nova incorporación para o patrimonio de Galicia, da súa capital e para as xeracións futuras. Forma parte dos grandes referentes internacionais da arquitectura contemporánea. No entanto, esta inclusión na categoría de patrimonio non vén dada só polo seu continente, senón tamén e sobre todo polo seu contido, entre as que se atopan as exposicións de arte. Neste momento, acollemos a máis ambiciosa sobre arte galega, Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación, un completo percorrido pola historia da arte galega con 192 obras e 119 artistas. Mais temos outros xeitos de conservar, fomentar e difundir o patrimonio. E contámosvolos todos, o mércores.

Xoves, 26: #professionsMW. Coñeciades que hai 600 persoas traballando na Cidade da Cultura de Galicia? Desde o ámbito da cultura, ao emprendemento á tecnoloxía e á innovación. Seguro que vos abraian algunhas delas! Vinde descubrilas este día seguíndonos a pista con este cancelo.

Venres, 27: #kidsMW. A cativada é sen dúbida o noso público favorito. Somos seareir@s. A Cidade da Cultura forma parte dos galegos e galegas, e tamén das xeracións futuras, que xa desde moi pequenas acompáñanos e participan das nosas actividades. Así o demostran, os milleiros de nenos e nenas en todas as nosas edicións de Cidade Imaxinaria e o alto interese que rexistran moitos dos nosos obradoiros, campamentos e visitas escolares. Gustamos deles e delas, e semella que eles/as de nós! Seguídenos este día e comprobarédelo.

Sábado, 28: #natureMW. Contastes algunha vez os espazos verdes da Cidade da Cultura? Na actualidade podedes gozar de catro: O Bosque de Galicia (o gran pulmón verde da capital de Galicia), o Parque do Lago, o Xardín Literario e o Parque da Balea. Mais en breve, disporemos e disporedes dun novo. Queredes saber cal? O sábado desvelámosvolo ou recordámosvolo, máis ben.

Domingo, 29: #differenceMW. Un dos sinais de identidade das actividades da Cidade da Cultura é a multiculturalidade. Así o demostran programas como WOMEX,  a feira das músicas do mundo; Escenas do Cambio, o festival de teatro, danza e arte en movemento de inverno máis vangardista de Galicia e no que participan compañías de todos os países: ou o EAN, encontro de artistas novos tamén de diferentes partes do mundo. Relatarémosvos isto e máis o día de peche da #MuseumWeek. Se non gustades das despedidas, seguro que a temática para clausurar a edición reconcíliavos cos deica logo.

Santiago de Compostela, 19 de Abril de 2018