Febreiro: un mes dedicado ás artes escénicas

Espectadores que se converten en deputados e ata elixen a duración da obra, un museo feito praia grazas a dúas toneladas de area, dez persoas preparados para a resistencia aprendendo un soneto de Shakespeare, un ring de boxeo feito espazo de danza compartido por público e bailaríns, un escenario que se sente libre ata para prescindir de actores… Do 4 ao 21 de febreiro, todo cambia no Gaiás.

As artes escénicas serán as protagonistas deste mes no Museo Centro Gaiás, convertido nun grande escenario para acoller as mellores producións contemporáneas. De La Ribot a Israel Galván, de Ana Vallés a Quico Cadaval, de Pablo Larraín a Lola Arias. Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción arranca este mércores na Cidade da Cultura con dezasete espectáculos, catro conferencias-performances e varios grupos de reflexión para profesionais do sector. 

Estreas en España de La Ribot, Evelin e Larraín

Escenas do cambio arranca este mércores con dúas producións lusas: Atlas, na que os artistas Ana Borralho e Joao Galante daranlle voz a cen persoas de Santiago de Compostela que subirán ao escenario sen experiencia previa no teatro; e Vontade de ter vontade, na que Cláudia Dias reflexionará sobre identidade e territorio.

Ata catro obras de grandes creadores como a Premio Nacional de Danza La Ribot, o creador brasileiro Marcelo Evelin, a arxentina Lola Arias e o chileno Pablo Larraín farán no marco deste festival a estrea en España das súas últimas creacións. Así, La Ribot trae o sábado 7 El triunfo de la libertad, obra realizada xunto a Juan Loriente e Juan Domínguez que desde a súa estrea en Xenebra segue dando moito que falar entre crítica e público. Un día antes, o 6 de febreiro, Marcelo Evelin, un dos coreógrafos contemporáneos máis destacados do panorama actual, estreará por primeira vez nun país europeo a peza De repente fica tudo preto de gente, danza tribal e contemporánea que supón un regreso ás raíces máis puras de Brasil ata acabar sendo un canto de amor ao corpo e á orixe do mundo.

Lola Arias traerá ata o Gaiás ‘Mis Documentos’, un ciclo de conferencias performativas, que na súa estrea en Europa convidou a catro artistas galegos e dous arxentinos a facer unha investigación persoal e plasmala ante o público: Tálata Rodríguez, Sofía Medici, Branca Novoneyra, Uxía P. Vaello, Diego Anido e Amaya González Reyes. Destaca tamén a estrea en Europa de Acceso, obra do chileno Pablo Larraín, director da mítica película NO e que este mes de febreiro formará parte da competencia oficial na Berlinale coa súa última cinta El club.

Ao longo das tres semanas que dura o festival, polos escenarios do Museo Centro Gaiás pasarán compañías clave do teatro galego como Matarile coa peza íntima Teatro invisible ou a primeira colaboración entre os tres mellores contadores do noso tempo: Celso F. Sanmartín, Quico Cadaval e Francisco Gutiérrez ‘Guti’. Polo Museo Centro Gaiás pasarán tamén creadores que conviden á reflexión sobre a democracia actual como Roger Bernat coa obra Pendiente de voto, pezas que se movan ao redor da danza como o documental escénico de Olga de Soto Una introducción, clásicos da danza como La edad de oro de Israel Galván, discos recén saídos do forno como Dos fíos invisibles chegan as cores de Mónica de Nut , pequenas grandes historias agochadas en correspondencias con La Máquina de la soledad de Oligor e Microscopía; ou a forza dun poema como en By Heart de Tiago Rodrígues.

8 euros por función

As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, excepto as obras El triunfo de la libertad de La Ribot, Mis Documentos de Lola Arias e a actuación musical de Mónica de Nut, que son de balde. Para estas tres últimas será preciso retirar invitación no Museo Centro Gaiás a partir deste martes, 3 febreiro, cun máximo de dúas entradas por persoa. Escenas do cambio ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.

Durante as tres semanas que dura o festival, a liña 9 do autobús urbano reforzarase para que non perdades ningunha das obras que integran o programa, con buses cada media hora, que podedes coller na rúa Senra esquina con Praza de Galicia.

E para facelo aínda máis atractivo se cabe, o bar La Flor trasladará unha síntese do seu proxecto ao cafetería do Museo Centro Gaiás como acompañamento ao festival.

 
Música & Escena
Santiago de Compostela, 02 de Febreiro de 2015