Clásica, tradicional e pop para tres novos Atardeceres

Clásica, tradicional e pop. A música volve esta fin de semana á Cidade da Cultura de Galicia a través do Atardecer no Gaiás, a proposta coa que che convidamos a gozar do caer da tarde durante os meses de verán.

Tras o exitoso paso inaugural de Xoel López, Las Kellies e Santa Rita; este xoves chega á Cidade da Cultura a Orquestra de Cámara Galega. Para esta segunda edición de Atardecer no Gaiás, a orquestra dirixida por Rogelio Groba propón seis sesións exploratorias por diferentes tradicións musicais: a rusa, a brasileira, a galega, a italiana, a escandinava e a inglesa. Tchaikovsky, Kalinikov, Rachmaninov e Rakov serán os protagonistas deste primeiro Atardecer Ruso, que terá lugar o xoves 12 de xullo a partir das 21:00 horas.

E da clásica rusa á música popular urbana galega porque o venres é a quenda da Vapora Atlántica Orquestra (AVO), a evolución natural do Combo Mariñeiro de Vilaxoán, enraizado na zona de Arousa. A AVO é unha orquestra de música popular urbana como as de tango arxentina ou as danzoneras cubanas, formacións de estética contemporánea con repertorio e instrumentos tradicionais. O seu repertorio inclúe habaneras, polkas, cantigas, foliadas, mazurcas… e un longo etcétera que encherá de son a praza do Gaiás.

O sábado pecharase esta segunda semana de atardeceres co pop electrónico de Niño-Burbuja, que baixa do escenario do Festival Internacional de Benicassim (FIB) para subirse directamente ao do Gaiás para presentar o seu último traballo: dez temas que convidan a bailar, cun son orgánico, dinámico e cheo de matices, e cunha aposta decidida polas letras en castelán e un potente e atrevido directo.

Recordade que as actuacións comezan ás 21:00 horas e que, no caso de que o tempo non acompañe, celebraranse no corredor do Arquivo de Galicia. E xa sabedes: a entrada é de balde.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 12 de Xullo de 2012