Comeza o I Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura

Hoxe, a Cidade da Cultura de Galicia bule de arte. E é que xa estamos inmersos na primeira xornada do I Encontro de Artistas Novos onde, ao longo de toda esta semana, cen creadores mozos teñen a oportunidade de manter un diálogo construtivo sobre a arte contemporánea. Os artistas novos participarán en conferencias e obradoiros, nos que poderán entrar en contacto con artistas como Pierre Gonnord, Ana Soler, Antonio Ballester, Carles Congost, Daniel Canogar, Victoria Diehl, Rubén Ramos Balsa, Marina Núñez, José Luis Serzo ou Suso Fandiño.

Nesta primeira xornada, tras a conferencia inaugural a cargo dos directores do Encontro, Rafael Doctor e Ignacio Santos, os artistas Daniel Canogar e Rubén Ramos Balsa faláronnos de como conciben a creación artística e fixeron un percorrido pola súa obra.

Un dos momentos máis destacados da mañá foi cando Rafael Doctor anunciou que a Fundación Cidade da Cultura financiará unha das propostas dun dos participantes no Encontro para incluíla na exposición ‘Inside’, que se presentará en novembro.

Esta tarde arranca a primeira sesión do Foro Aberto, no que varios participantes expoñerán os seus traballos ante o auditorio. Mañá pola mañá é a quenda do comisario e editor de DARDO, David Barro e dos artistas Antonio Ballester e José Luis Serzo.

Lembrade que podedes seguir en directo as conferencias e presentacións a través da nosa páxina de Facebook: http://www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia e o Twitter: @CidadedaCultura.

Santiago de Compostela, 05 de Setembro de 2011