Espellos

O Bosque de Galicia acolle a intervención artística Espellos  realizada polo artista Manolo Paz co obxectivo de afianzar o vínculo deste complexo arquitectónico coa Ruta Xacobea e a cidade de Santiago de Compostela.

Está composta por grandes cilindros de pedra que funcionan como unha gran fiestra de pedra desde a que contemplar a capital galega desde unha perspectiva única. 

Estas pezas artísticas procuran, por tanto, espertar o interese deses camiñantes co obxecto de que fagan unha parada no camiño para visionar —antes da meta anhelada que é a catedral— a perspectiva orixinal que da mesma se lle ofrece desde este cumio, integrada na contorna natural da capital de Galicia.

Ademais de ofrecer unha panorámica diferente sobre a capital galega, estas pezas de 3,5 metros de alto por 3,8 de ancho e 12 toneladas de peso servirán tamén para estreitar aínda máis a conexión da Cidade da Cultura co Camiño de Santiago, xa que a Vía da Prata transcorre paralela ao monte Gaiás, polo barrio compostelán de Sar.

Conexión entre o Gaiás e o Camiño

O nome de Espellos provén desa imaxe que todo camiñante ten en mente da catedral, como fin último da peregrinación ou do Camiño, e que a fiestra central destas dúas esculturas lle permiten reflectir uns chanzos antes da chegada.

A construción en pedra —obtida da cantería compostelá de Lamas de Abade— remite ex profeso aos numerosos valados dos sendeiros interiores das diferentes Rutas Xacobeas e como apostou polo dobre arco —tan característico do románico e tan presente na arte do Camiño— para construír a apertura ocular interior desde a que se encadra o visionado da catedral.

Nesta argumentación simbólica, as esculturas tamén apelan á cultura castrexa, con tanto arraigamento en Galicia, xa que nun xogo de perspectiva os Espellos remiten aos castros celtas, neste caso elevados en vertical, en vez de xacentes no chan.

Manolo Paz

Manolo Paz é, xunto a Francisco Leiro, un dos artistas máis persoais e imaxinativos da escultura galega universalizada. Dáse a coñecer en 1979, coa súa participación na V Bienal Nacional de Pontevedra, na que sorprenderon as súas pedras vagamente humanizadas, cunha labra razoada e, sen embargo, elemental. O seu éxito levouno a estar presente en numerosas edicións posteriores e foi sempre un dos artistas máis admirados.

As súas obras percorreron Galicia e chegaron a Madrid e a outras cidades de España, así como a Portugal. Co citado Leiro e cos pintores Menchu Lamas, Patiño e Antón Lamazares confirmou a súa categoría na Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Santander, a mediados dos 80, ata que chegou a Nova York, Alemaña e O Xapón, confirmando a súa condición de novo valor recoñecido.

Na actualidade, conta cun nome xa consagrado cunha obra que se estende por museos e coleccións institucionais de Galicia, de España e de numerosos países do mundo.