Os escolares aprenden a teclear século e medio de historia

Século e medio de historia escrito á máquina. Esta é a dobre aprendizaxe dos alumnos de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP que, desde o 3 de outubro e ata o 22 de decembro, participarán nas visitas didácticas vertebradas ao redor da exposición Typewriter. A historia escrita á máquina, instalada no edificio do Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura. O obxectivo: descubrir os principais acontecementos da Historia máis recente a través dunha testemuña de primeira man: a máquina de escribir, unha tecnoloxía descoñecida para a maior parte do estudantado pese o seu papel chave para coñecer o sucedido nas últimas décadas.

Entre carretes de cinta, líquido corrector e o rítmico son das teclas, os escolares aproximaranse á figura da máquina de escribir ao tempo que desenvolven hábitos de observación e goce estético, descobren o patrimonio cultural galego, e desenvolven hábitos de comportamento en espazos culturais e exposicións. As visitas didácticas están adaptadas a cada un dos ciclos do ensino, tanto en tempo de duración como nos contidos. Ademais, a interacción entre os rapaces e este novo mundo será vital, ben sexa a través dun conto, un obradoiro ou mesmo un xogo de rol, que axude aos rapaces a aprender de forma amena e divertida.

Xa aberta á comunidade educativa do país, a actividade desenvólvese de luns a venres (agás festivos) en dúas quendas: de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, cun máximo de 30 persoas por grupo. Para asistir ás visitas, os centros escolares poden realizar a solicitude de inscrición na propia páxina web da Cidade da Cultura e, ante calquera dúbida, dirixirse ao servizo didáctico escolar da exposición Typewriter no mail visitasdidacticas@cidadedacultura.org, ou no teléfono 659 343 328 en horario de 9 a 14 horas.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 06 de Outubro de 2011