Unha ollada artística do medio

Alza a túa voz, non o nivel do mar. O cambio climático é o protagonista do Día Mundial do Medio Ambiente que celebramos hoxe en todo o planeta coa auga e a nociva acción humana como telón de fondo. Desde a Cidade da Cultura queremos contribuír á celebración deste día, fixado polas Nacións Unidas para sensibilizar e chamar a atención sobre a nosa contorna, a través da exposición Auga Doce, unha mostra de alto contido ambiental con discursos artísticos que reinvidican os recursos naturais, a esencia do simple e a defensa do medio.

Mostra desta reflexión ambiental é a ollada que ofrece o artista visual Daniel Canogar a través da fotografía Vórtice (2011), inspirada nunha xigantesca mancha de residuos de plástico do tamaño dun continente que flota á deriva no Pacífico. Ante esta imaxe en gran formato (150x272), o espectador confróntase a un futuro suicida, no que o ser humano está a matar o que precisa, alimentando unha mancha en forma de río que non deixa de medrar ante a inconsciencia do home que alegremente flota cego sobre ese cancro. Vórtice é un símbolo do perigo que representa para o noso planeta a aceptación de actitudes herdadas relacionadas coa cultura do usar e tirar e coa xeración desconstrolada e inconsciente de residuos.

Esta denuncia ambiental únese á reivindicación dos recursos que ofrece o propio medio en obras presentes en Auga Doce como o Igloo with Fibonacci Numbers de Mario Merz, un dos artistas italianos máis representativos da arte povera, que se vale de materiais considerados ‘pobres’ e de moi fácil obtención como madeira, follas ou rochas. A través dos iglús, Merz reivindica a vida nómada dos pobos esquimós e a súa capacidade de adaptación ao medio ao tempo que eleva os recursos que ofrece a propia contorna natural, usando materiais reciclables e sinxelos.

Unha esencia do simple que se convertiu na máxima do artista plástico e escultor portugués Alberto Carneiro, autor do Manifesto da Arte Ecolóxica (1968-72) que repudia o dualismo occidental sensualidade/espiritualidade e promove a rehabilitación das cousas máis simples na comunicación estética. Este achegamento á arte minimal, concetual e mesmo próxima ao Land Art evidénciase na obra Sobre os ríos (I), que pode verse no primeiro andar do Museo Centro Gaiás xunto ao pavillón dedicados aos grandes ríos.

A relación medio-arte convértese en relación home-medio na xeografía en branco e negro que ofrecen as fotografías de Ursula Schulz. Estampas das schilfhäuser, casas de palla construídas sobre a auga en Iraq, declaradas Patrimonio da Humanidade e destruídas por Sadam Hussein na guerra de 1991. Un alegato á adaptación home-medio e ao uso dos recursos que ofrece a natureza que se plasma na serie Vanished Landscapes (1980/2006). 

Auga Doce, na súa ollada ao planeta de auga desde a arte, quere espertar unha conciencia ecoloxista. Nesta liña as fotografías de Atul Bhalla (Nova Delhi, 1964) nos trasladan a preocupación derivada da polución dos ríos, conectada en Nova Dheli coa espiritualidade hindú e coa renovación asociada ao baño nas augas do río Yamuna, territorio artístico de Bhalla. A escaseza deste recurso, o seu mal uso, o reparto desigual e a súa contaminación son obsesións do seu universo fotográfico. 

Cinco discursos artísticos e ambientais que poden verse na exposición Auga Doce e que poderían complementarse con outros moitos como a obra telúrica de Andy Goldsworthy (Cheshire, 1956), recollida na exposición a través dun vídeo dos seus traballos; ou as imaxes de Olafur Eliasson (Copenhague, 1967), que co seu compromiso ambiental se ten convertido nun dos grandes referentes da arte europea máis actual; e que hoxe serven para convidarvos a celebrar connosco o Día do Medio Ambiente

 

Santiago de Compostela, 04 de Xuño de 2014
 
Atul Bhalla