Pasa unha nova folla do calendario coma quen pasa un novo capítulo dun libro. En abril máis aínda, mes en que se festexa o milleiro de historias que carrexan e espallan estas cinco letras e tamén aquelas que alimentan o maxín de pequenos e pequenas e daqueles/as que nunca deixamos de selo. Un festexo dobre que ateiga de actividades a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, que se suma á celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e Día Internacional do Libro (23 de abril) agasallando con estas historias feitas papel a todas as persoas que nestas dúas datas se acheguen as súas instalacións.
Mais non son as únicas efemérides a celebrar na Biblioteca de Galicia, que se suma ao Día das Artes, dedicado este ano a Luís Seoane, cun obradoiro plástico-creativo para a cativada, impartido por OQO editora. Será o sábado 6 de abril, de balde, como todas as actividades desta institución, pero que sempre precisan inscrición en cidadedacultura.gal
Finalmente, na Bilblioteca de Galicia despedirán o mes, con outro taller. Nesta ocasión, dirixido a todos os públicos, a partir dos 8 anos de idade, xa que se trata dun obradoiro baseado no libro de Bieito Romero Xeomestrías máxicas de Galicia, para o que é preciso ter coñecementos básicos desta disciplina.
Nesta actividade, traballarase con diferentes curvas e superficies dun xeito lúdico e manipulativo, e serán os propios asistentes os/as encargados/as de crear as súas curvas e superficies. Todo co obxecto de crear entre os/as participantes unha preciosa cardioide.
Escollede o voso xeito de celebrar, ler, crear e experimentar este mes de abril, e que algún (ou todos) sexa na Biblioteca de Galicia!
