A Cidade da Cultura presentou hoxe venres o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas REGA, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir das cartas náuticas do litoral galego.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada na Biblioteca de Galicia. Trátase dunha mostra que recompila a traxectoria da revista ilustrada Vida Gallega, a publicación de maior tirada, lonxevidade e influencia social da época que botou a andar en 1909 con xa 14.000 subscritores antes de lanzar o primeiro número e chegou a ter tiradas de 70.000 exemplares e a contar cunha rede de máis de 400 correspondentes entre Galicia e Latinoamérica.
A Real Filharmonía de Galicia pon o ramo este sábado ao ciclo Ópticas contemporáneas organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Será un concerto especial no que a orquestra, dirixida por por Baldur Brönnimann, interpretará unha das obras máis famosas de Vivaldi, As catro estacións, pero na versión minimalista que reimaxinou o influente compositor británico-alemán Max Richter.
A Cidade da Cultura ten xa completas as quendas dispoñibles ata final deste ano para que o alumnado galego se achegue a coñecer as propostas expositivas do Museo Centro Gaiás a través dunha saída escolar. O equipo de Educación e Didáctica do museo pechará así 2024 atendendo a máis de 5.200 estudantes en visitas ás exposicións e arquitectura do Gaiás, ao que habería que sumar outros 2.102 alumnos e alumnas que visitaron a instalación inmersiva Hábitats, natureza estendida no marco dunha saída didáctica co seu centro escolar.
A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.
Páxinas
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 29
- 30
- 31
- 32
- 33
- 34
- 35
- 36
- 37
- …
- seguinte ›
- última »




