Sala de prensa

 
Santiago, 20 de Novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada na Biblioteca de Galicia. Trátase dunha mostra que recompila a traxectoria da revista ilustrada Vida Gallega, a publicación de maior tirada, lonxevidade e influencia social da época que botou a andar en 1909 con xa 14.000 subscritores antes de lanzar o primeiro número e chegou a ter tiradas de 70.000 exemplares e a contar cunha rede de máis de 400 correspondentes entre Galicia e Latinoamérica.

Santiago, 15 de Novembro de 2024

A Real Filharmonía de Galicia pon o ramo este sábado ao ciclo Ópticas contemporáneas organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Será un concerto especial no que a orquestra, dirixida por  por Baldur Brönnimann, interpretará unha das obras máis famosas de Vivaldi, As catro estacións, pero na versión minimalista que reimaxinou o influente compositor británico-alemán Max Richter.

Santiago, 08 de Novembro de 2024

A Cidade da Cultura ten xa completas as quendas dispoñibles ata final deste ano para que o alumnado galego se achegue a coñecer as propostas expositivas do Museo Centro Gaiás a través dunha saída escolar. O equipo de Educación e Didáctica do museo pechará así 2024 atendendo a máis de 5.200 estudantes en visitas ás exposicións e arquitectura do Gaiás, ao que habería que sumar outros 2.102 alumnos e alumnas que visitaron a instalación inmersiva Hábitats, natureza estendida no marco dunha saída didáctica co seu centro escolar.

Santiago, 06 de Novembro de 2024

A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.

Santiago, 24 de Outubro de 2024
Fotos: Rocío Cibes

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura Tattoo. Arte baixo a pel, a maior exposición internacional sobre tatuaxe desenvolvida ata o momento. A mostra ábrese ao público no Gaiás logo de ser visitada por máis de dous millóns de persoas no seu amplo percorrido por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán, Rusia e os centros da Fundación “la Caixa” en España.

Páxinas